TRES PROTAGONISTAS DO LIBRO ‘Tempo de ausencia’ DEDICADO A GARCÍA-BODAÑO

Salvador García-Bodaño, lembrado por tres voces do libro tributo do Ateneo de Santiago

Inma López Silva, Claudio Rodríguez Fer e Helena Villar Janeiro falan para EL CORREO do escritor falecido en marzo deste ano

Libro editado polo Ateneo de Santiago e na dereita, Salvador García-Bodaño na imaxe dun vídeo de 2020 publicado na súa páxina web. / cedidas

Libro editado polo Ateneo de Santiago e na dereita, Salvador García-Bodaño na imaxe dun vídeo de 2020 publicado na súa páxina web. / cedidas / XABIER SANMARTÍN

Salvador García-Bodaño, como calquera persoa que dedica parte da súa vida á escrita, manterá de por vida un pulso contra o esquecemento, o desafío de quen imaxina mundos e personaxes pintados con letras, sexan lírica ou poesía que outras e outros, nós, lemos. Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935 - Teo, 2023) foi lembrado en xuño polo Ateneo de Santiago, unha homenaxe ao seu presidente de Honra, poeta e membro da RAG (Real Academia Galega), que artella a antoloxía Tempo de ausencia, unha edición non venal que compila os textos escritos ad hoc por ata 43 poetas. Tres das persoas participantes, de diferentes xeracións, Inma López Silva (nada en 1978), Claudio Rodríguez Fer (1956) e Helena Villar Janeiro (1940) falan para EL CORREO GALLEGO de quen foi un dos fundadores do Museo do Pobo Galego, sinalando o latexo da súa participación nese volume coral e o que salientan de Salvador, persoa, autor e cidadán desta terra. Inma López Silva suma nesa publicación cal tributo o poema titulado "Metamorfose en 1º de Latín". “No libro do Ateneo de Santiago eu quería lembrar a través da poesía tanto a sensación da miña primeira lectura (de moi nova) da poesía de Salvador García Bodaño, coma dos encontros que tiven a sorte de ter con el. O seu vitalismo que ao tempo era tan consciente do paso inexorábel do tempo foi un exemplo”, di Inma antes de engadir que García-Bodaño, presidente do Ateneo de Santiago entre 2008 e 2021, tamén deixou a súa pegada nela máis alá dos versos.

Salvador García-Bodaño,  lembrado por tres voces do libro tributo do Ateneo de Santiago

Inma López Silva é unha das poetas do libro tributo do Ateneo de Santiago a García-Bodaño / Cedida

“Como persoa, lembro a súa ironía e o seu agarimo, especialmente con motivo dunha pequena homenaxe que hai moitos anos organizamos un grupiño de escritores composteláns por mor dun aniversario seu. Foi un dos actos literarios (e gastronómicos!) máis entrañábeis que lembro. Como autor, sen ningunha dúbida, resúltame imposíbel observar a miña cidade, Compostela, sen o filtro dos seus poemas”. O libro foi presentado o 19 de xuño coa intervención Manuel López-Rivadulla, actual presidente do Ateneo; Víctor Fernández Freixanes, presidente da RAG; Jacobo Bermejo, CEO de Tórculo e Pilar Sampedro, directiva do Ateneo, nun encontro coa música de Miro Casabella.

Salvador García-Bodaño,  lembrado por tres voces do libro tributo do Ateneo de Santiago

Claudio Rodríguez Fer é unha das voces que lembran a Salvador García-Bodaño no libro tributo do Ateneo de Santiago / XABIER SANMARTÍN

Claudio Rodríguez Fer achega nese exemplar un texto chamado "Luís Pimentel". “Pretendía evocar a común admiración que compartimos pola poesía de Luís Pimentel, pois aos dous nos gustou sempre tanto a pureza lírica do poeta de Lugo como o seu testemuño do horror causado polo fascismo en Galicia”, explica Claudio antes de lembrar o Salvador de carne e oso. “Destacaría a súa demostrada fidelidade auténtica e progresista, como cidadán, poeta, ensaísta, narrador, tradutor e activista promotor dunha infinidade de iniciativas culturais e políticas, ao galeguismo de anteguerra, representado por Castelao e por Bóveda, cuxa inmolación cantou en "Non houbo galos", ou mesmo polo seu propio pai, o activista agrario-galeguista Salvador García-Bodaño Fernández. Foi, pois, un digno portador da memoria democrática herdada e un digno opositor da desmemoria silenciadora imposta polo fascismo”.

Salvador García-Bodaño,  lembrado por tres voces do libro tributo do Ateneo de Santiago

Salvador García-Bodaño, lembrado por tres voces do libro tributo do Ateneo de Santiago, entre elas a de Helena Villar Janeiro / Cedida

Helena Villar Janeiro, outra das voces do libro Tempo de ausencia, bota man dunha palabra moi especial para a asinar a súa colaboración neste homenaxe colectivo: "Compostela".

“Pretendía unir Compostela, a súa querida cidade e miña tamén; Rosalía de Castro, a quen el dedica moitos poemas; e tamén, baseándome nos poemas del, os poemas de ausencia, do recordo dos amigos e do que Santiago significaba para el... E ogallá lle guste desde onde poida percibilo. Salvador era unha persoa marabillosa, excelente, de trato fino, humano, que sempre me tomou en serio como escritora. E como poeta é moi xusta a homenaxe do Ateneo”.

Por orde alfabética, Tempo de ausencia ten poemas de Marilar Aleixandre, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Vicente Araguas, Carmen Blanco, Ramón Blanco, Marica Campo, Xavier Carro, Arturo Casas, Alfonso Costa, Marta Dacosta Alonso, Xoán Xosé Fernández Abella, Francisco X. Fernández Naval, Rosalía Fernández Rial, Xosé Lois García, Luís González Tosar, Margarita Ledo Andión, López Silva, Ricardo Martínez-Conde, Alexandre Nerium, Olga Novo, Branca Novoneyra, Pilar Pallarés, Enma Pedreira, Ánxeles Penas, Carlos Penela, Mariña Pérez Rei, Soledad Pite Sanjurjo, Sara Plaza, Carlos Quiroga, Xesús Rábade Paredes, Baldo Ramos, Rodríguez Fer, Ana Romaní, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xaime Toxo, Xulio L. Valcárcel, Eva Veiga, Rafa Vilar, Villar Janeiro, Miro Villar e un da cuñada de S. García-Bodaño (Olalla) e a súa dona (Xulia).