O Observatorio Ramón María Aller permite contemplar os ceos nocturnos de agosto

Da sesións divulgativas en localidades galegas mediante o programa ‘Noites Astronómicas’

Vista telescópica da Gran Nebulosa de Orión tomada por Francisco J. Cerdán, colaborador do OARMA en astrofotografía

Vista telescópica da Gran Nebulosa de Orión tomada por Francisco J. Cerdán, colaborador do OARMA en astrofotografía / USC

Redacción

Durante o mes de agosto, o persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago ofrece baixo o título Noites Astronómicas diversas sesións de divulgación en diferentes localidades da comunidade galega.

A primeira delas terá lugar na noite das Perseidas, o sábado 12 de agosto, en Lalín, unha localidade que recibiu no mes de abril a certificación como Destino Turístico Starlight, o quinto de Galicia, nun recoñecemento que foi posible grazas ao traballo de campo desenvolvido polo persoal do Observatorio Ramón María Aller e do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), no que tamén participa a institución compostelá.

A sesión de divulgación organizada polo Concello de Lalín será conducida polo director do Observatorio, José Ángel Docobo Durántez, e polo investigador Pedro Pablo Campo, e incluirá unha serie de observacións a simple vista e observacións telescópicas de obxectos como estrelas dobres, cúmulos estelares, nebulosas e mesmo do planeta Saturno. Desenvolverase a partir das 22.00 horas no alto de Rodelas, un enclave situado na parroquia lalinense de Maceira que ofrece unha panorámica da Vía Láctea a simple vista.

No transcurso do mes están previstas outras cinco sesións de divulgación astronómica que contarán tamén coa participación do investigador Xabier Pérez Couto. Terán lugar no alto de San Bartolomeu do concello de Santa Comba, o venres 18; en Allariz, o luns 21; no Observatorio da vila en Lalín o mércores 23; no paseo de Silgar de Sanxenxo o xoves 24, e en Rianxo o venres 25 de agosto. Esta última sesión faise coincidir coa inauguración da mostra fotográfica Xoias do Ceo, de Francisco Javier Cerdán Núñez. A exposición, que inclúe imaxes de estrelas, estrelas múltiples, cúmulos estelares, distintas nebulosas pertencentes á Vía Láctea e fotografías doutras cinco galaxias diferentes, conta con textos explicativos elaborados polo persoal do OARMA e poderá ser visitada durante todo o mes de setembro.

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller celebra este ano o seu 80 aniversario. Foi o 27 de setembro de 1943 cando o doutor Ramón María Aller Ulloa foi nomeado director do centro, un feito que marcaría a docencia e investigación astronómica de Galicia. Pese ás vicisitudes vividas nesta larga etapa, o Observatorio da USC continúa divulgando a astronomía por toda a comunidade con distintos programas como TodoCosmos, que leva a observación de estrelas a máis de 30 concellos galegos.