Ánxeles Porto: “Feito a Man ofrece contido vivo que representa a natureza da nosa cidade”

O festival, previsto entre o 3 e o 24 de agosto prolóngase até o venres 25 por mor dos concertos que foron adiados por choiva

Momento da actuación da banda Black & Blue este mércores na rúa da Conga

Momento da actuación da banda Black & Blue este mércores na rúa da Conga / JESÚS PRIETO

O festival Feito a Man cumpriu nesta edición de 2023 o seu vixésimo aniversario. O seu remate estaba previsto para hoxe mais por mor da choiva houbo algúns concertos que tiveron que adiarse e por iso as datas prolónganse até este xoves. EL CORREO quixo falar cunha das artífices deste evento que cada verán enche as rúas de Compostela de música ao vivo, con bandas galegas e foráneas e formación emerxentes, Ánxeles Porto, que rexenta o pub Borriquita Belem e que foi recentemente recoñecida coa Alba de Compostela polo seu labor dinamizador dende o citado local e dende a Asociación Cultural Cidade Vella.

“En xeral estamos moi contentos, hai moi boa resposta por parte do público de Compostela, da veciñanza, da xente que vai aos locais ao longo do ano e que se fai moito eco deste festival”, comenta Ánxeles Porto, que recalca que ao público lle “dá ledicia ter estes concertos durante o mes de agosto”. Unhas actuacións que este venres se despedirán con Laura LaMontagne na praza de Feixóo e The Wavy Gravies na de Santo Agostiño.

Segundo explica Porto o turismo tamén participa do Feito a Man, “moito visitante está como moi perdido moitas veces e se ten a sorte de interesarse un pouco máis pola cidade e nas súas visitas a locais atopa o noso programa interésase”. “Hai xente que vén a tiro fixo e non ve máis alá e tamén hai xente moito máis permeable, o turismo que nós queremos, e que quere coñecer o Santiago de verdade” asegura a organizadora do festival, que recalca que fronte ao turismo que ás veces vén a Compostela cunha “cegueira total, nós ofrecemos contido, non contedor, algo vivo, algo vibrante que representa a natureza da nosa cidade ao longo do ano, non só en dous meses artificiais”.

Ánxeles Porto recalca que o festival busca “unha maneira contribuír a un turismo sostible, doutro xeito, que non veña á cidade de calquera maneira e sen importarlle nada senón cun espíritu aberto que lle permita conectar coa cidade, nese sentido creo que dende o Feito a Man facemos un labor importantísimo”. Un traballo que tamén reivindica os músicos da cidade, como é o caso do xa desaparecido Fran Pérez, Narf, que nesta edición do festival lle puxo nome ao escenario da praza de Mazarelos. “Un dos artistas máis emblemáticos da cidade, Narf, que queremos que continúe pel con pel con nós”, asegura Porto.

Polo Feito a Man pasaron até o de agora formacións como Límbico, Aparato ou The Swinging Flamingos e para hoxe están previstas as actuacións de Trikornio, ás 20.30 horas en Tras Salomé e Grampoder, na praza de San Martiño Pinario ás 22.15. Ánxeles Porto fai unha valoración previa ao remate desta vixésima edición e e destaca as actuacións de “La Yuca Funk, parecéronme escepcionais, Las Antonias gustoulle moito ao público a súa onda socarrona, cabareteira, feminista...”. “Houbo momentos fantásticos de concertos, como Luíz Caracol, un grande da música portuguesa, e tamén o de Mon Orencio, ‘Mr. Cool’ que fixo unha proposta especial para o Feito a Man na fonte de San Miguel, un concertazo marabilloso que lle gustou a moito á xente”, explica Ánxeles Porto, que engade que “Maricarmen tamén arrasou, todo o mundo veu a comentarme o marabillosos que eran; Vértebra son unhas rapazas que fan rap e que falan de cousas que conectan con outro momento; o Quinteto Límbico fixo un bólo que deixou moi a gusto a todo o mundo; Quim García, coa súa mestura entre jazz e música tradicional”.

Agora, o Feito a Man xa traballa na seguinte edición, para a que xa está a buscar fechar a contratación de Sheila Patricia, cuxo concerto previsto para este ano tivo que ser adiado e finalmente non puido concretarse nunha nova data.