Santiago rexistra poucas prazas de garaxe mentres que os alugueiros soben de prezo

Os custos para mercar un lugar no que deixar o vehículo oscilan entre os 5.000 e os 20.000 euros

A Fegein demanda aparcamentos disuasorios e transporte metropolitano

Santiago rexistra poucas prazas de garaxe mentres que os alugueiros soben de prezo

Santiago rexistra poucas prazas de garaxe mentres que os alugueiros soben de prezo / antonio hernández

Santiago conta con máis dun cento de prazas de aparcamento en arrendamento e máis de 200 para mercala en propiedade, e segundo informan dende a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), a cifra de vacantes é baixa mais o valor de cada unha das prazas está en aumento. En Compostela o custo medio dunha praza de garaxe en alugueiro é duns 60 euros, e no caso da compravenda, as cantidades oscilan, maioritariamente, entre os 5.000 e os 20.000 euros.

O feito de que non haxa garaxes ou aparcadoiros na cidade histórica, así como que tampouco existan nos edificios construídos hai máis tempo, dá lugar a un volume moi alto de vehículos aparcados na rúa e tamén a unha demanda cada vez máis alta de prazas de garaxe, unha busca que se pon cada vez máis difícil en toda a comunidade autónoma. A isto hai que engadir a deficiente rede de transporte metropolitano, como apuntan dende Fegein, e a ausencia de aparcamentos disuasorios. Nunhas cidades que tenden a ser cada vez máis sostibles, con espazos máis humanizados a disxuntiva é: diminuír o uso do vehículo privado ou facilitar aparcadoiros naquelas zonas de máis alta demanda.

Na provincia da Coruña hai un total de 450 prazas de garaxe, a un prezo medio de 60 euros, no caso de Compostela, o número de prazas vacantes é de 110 e o prezo medio ascende aos 65 euros. Á vista do portal de compravenda e alugueiro Idealista, son un total de 104 prazas de garaxe as que se poden alugar a día de hoxe en Compostela, delas a maioría están no barrio de Conxo (30 prazas), seguidas do Ensanche-Sar (26 prazas), Campus Sur-Santa Marta (22 prazas) e Castiñeiriño-Cruceiro de Sar (11 prazas). A oferta é moito menor nas áreas de Concheiros-Fontiñas e San Lázaro-Meixonfrío, con seis prazas en cada caso, e Campus Norte-San Caetano con tan só tres. Mentres en Aríns, Marrozos-Eixo e no casco histórico non hai ningunha vacante.

Os prezos tamén son diferentes segundo as zonas, oscilando en xeral dende o 30 euros ao mes que se poden pagar en Conxo ata o 150 que se chegan a pedir por unha praza de garaxe na área Ensanche-Sar. A zona cun intervalo máis limitado é a de Concheiros-Fontiñas, onde o prezo por mes das prazas se move entre os 60 e os 80 euros.

Se do que falamos é da oferta para poder mercar unha praza de garaxe, as cifras da provincia son de 1.200 garaxes e 20.000 euros de prezo medio, mentres en Santiago mantense o prezo medio pero a oferta é de 231 garaxes, segundo Idealista.

O prezo máis barato á hora de mercar unha praza para deixar o coche é de 5.000 euros, cando o máis caro, aínda que é espazo para máis dun coche, está na rúa Xeneral Pardiñas, por un valor de 100.000 euros.

A razón desta situación explícaa Benito Iglesias, presidente de Fegeinn. “Cuanta más actividad económica y laboral y menos plazas disponibles hay en el centro y semicentro de las ciudades, mayor es el precio de las plazas de garaje tanto en alquiler como en venta en el circuito de comercialización en Galicia”, di.

Iglesias tamén fai referencia ao mencionado déficit de transporte metropolitano e á humanización das cidades. “Las peatonalizacipnes de numerosas calles céntricas de las principales ciudades favorecen la demanda de alquiler de plazas de garaje en las mismas, porque aparcar en algunas de nuestras ciudades no es tarea nada fácil”, recalca.

Por todo isto, dende a Federación de Empresas Inmobiliarias tamén poñen o foco na mellora do transporte público e na habilitación de aparcadoiros disuasorios en cidades coma Santiago, o que limitaría o uso do vehículo privado.