Raxoi habilitará unha vía de Xoán XXIII a Galeras para desconxestionar o tráfico derivado da Pastoriza

O PP denuncia "incapacidade de xestión e falta de diálogo" do goberno local

O bipartito asegura que se están a cumprir os prazos

As obras na rúa Pastoriza obrigan buscar alternativas ao tráfico para esta vía de entrada á cidade.

As obras na rúa Pastoriza obrigan buscar alternativas ao tráfico para esta vía de entrada á cidade. / Jesús Prieto

As obras da Pastoriza e os conseguintes cortes de tráfico e desvíos seguen a ser un problema para o goberno local. O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, instaba á alcaldesa, Goretti Sanmartín, a "tomar cartas no asunto, xa que tanto o concelleiro de Obras coma o de Mobilidade están totalmente incapacitados para solventar esta situación". Un reclamo ao que o goberno municipal non tardou en dar resposta explicando que en canto aos cambios na mobilidade, "unha vez analizados os fluxos e a intensidade do tránsito de vehículos", nos próximos días abrirase paso na avenida Xoán XXII e San Francisco durante a duración das obras da Pastoriza, para permitir "unha nova vía de saída cara ás Galeras".

O Partido Popular denunciaba no seu comunicado que non se estivesen a achegar solucións ao caos circulatorio e que son os propios condutores os que están "creando" rutas alternativas, en referencia a que "a falta de resolución do goberno que está obrigando os composteláns a usar rúas de acceso restrinxido ou para residentes coma o Espírito Santo ou a Costa do Vedor". Para o edil popular "son precisamente estes viais, xunto coa rúa de San Pedro, os que deberían propoñer dende o concello como rutas alternativas mentres duren as obras".

Villa denunciaba tamén que o edil de Obras declarase que "as retencións son normais ata que a xente atope vías alternativas para moverse" e pediulle ao goberno "que abandonen a súa actitude de oposición e asuman que estar no goberno significa xestionar e atender os veciños".

Adrián Villa tamén lle reprochaba ao goberno local "a incapacidade de xestión, como a ausencia de diálogo coas ANPAs dos colexios afectados polas obras". Segundo o edil do PP estas asociacións "tentaron poñerse en contacto co concello e enviaron posibles solucións", algo que segundo o concelleiro do PP tivo por resposta "un silenzo que está a replicarse noutros ámbitos da veciñanza, que denuncian falta de interlocutor co concello".

Villa lanzou tamén a proposta ao goberno municipal de "se busquen fórmulas para que os traballos se realicen durante todo o día" e non só polas mañás, "para que así se poida cumprir ou incluso reducir o prazo de execución".

Cumprimento dos prazos

En resposta ao edil do PP, o goberno local explicou que se están a cumprir os prazos "cun seguimento do ritmo de execución que vai segundo o previsto no plan de obra". O concello informaba de que se realizaron xa o 70% das demolicións da marxe das vivendas pares e as escavacións, efectuadas ao 60%, para iniciárense as obras de saneamento e abastacemento e o entronque coa rede principal.

Segundo Raxoi, nas próximas semanas iniciaranse "as obras de canalización de subministración de electricidade, iluminación pública e telecomunicación".

Por parte do Goberno local, en relación ás críticas de Adrián Villa pola falta de comunicación coas ANPAs e ao resto de afectados, asegúrase que se "mantiveron encontros coa veciñanza para explicar o contido das obras e os desvíos de tráfico mentres se realizan, ademais dun diálogo con comunidades educativas de centros de ensino da zona".

Dende Raxoi insístese en recalcar que "con esta actuación vanse eliminar barreiras arquitectónicas e haberá nova pavimentación, novo mobiliario, arboredo e xardíns". Ademais, lembra que se renovarán as instalacións de abastecemento de auga e rego, de saneamento, de subministración de enerxía eléctrica e de gas, xunto coa mellora da iluminación pública, das instalacións de telecomunicacións e da rede de tráfico.