A xestora do PSdeG en Santiago convoca o proceso para elixir a nova executiva local

A asemblea para a elección da nova dirección do partido na cidade de Compostela terá lugar o sábado, 21 de outubro 

Redacción ECG

A comisión xestora do PSdeG-PSOE de Santiago de Compostela, presidida por Diego Fernández López, decidiu na tarde deste xoves convocar o proceso para a elección da nova dirección local do partido na cidade. O prazo para a presentación de propostas da nova executiva local estará aberto desde este xoves, 5 de outubro, ata o vindeiro mércores 11 de outubro ás 14.00 horas.

A comisión executiva municipal comporase, como mínimo, de Secretaría Xeral, Secretaría de Organización e Secretaría de Política Municipal. Deberá contar con áreas de Acción Electoral, Administración e Formación, que poderán constituírse en secretarías de área independentes ou integrarse na secretaría de Organización. Tamén se recomenda a inclusión dunha secretaría de Igualdade.

A asemblea para a elección da nova comisión executiva local do PSdeG-PSOE terá lugar o sábado, 21 de outubro.

Segundo o establecido nos estatutos federais do PSOE e no seu regulamento de desenvolvemento, as comisións executivas municipais serán elixidas por medio do sistema de voto maioritario, mediante voto individual directo e secreto da militancia, en listas pechadas, bloqueadas e paritarias.

Diego Fernández afirmou que, 112 días despois da constitución da xestora, esta da por concluído o seu labor durante esta etapa de transición e decidiu “dar voz á militancia para elixir democraticamente unha nova dirección do partido e iniciar unha nova etapa de futuro do Partido Socialista en Santiago de Compostela”.