Cortado o tráfico na rúa do Cruceiro do Gaio ata este domingo por unha canalización

As persoas residentes nas rúas de Poza de Bar e San Lourenzo, así como os usuarios do colexio Pío XII, únicamente poden acceder a través da avenida de Compostela e Campo do Cruceiro do Gaio ou ben dende a rúa das Oblatas e Carme de Abaixo

Redacción

A entrada á rúa de Poza de Bar dende a rúa Galeras (rúa do Cruceiro do Gaio) da capital galega permanece pechada ao tráfico desde este xoves e ata o próximo domingo por mor dunhas obras de canalización para a rede eléctrica. O tramo que queda pechado con esta intervención é o que está comprendido entre o cruce do Campo das Hortas-rúa Pombal e a entrada á travesa do Carme de Abaixo.

Durante estes días de peche as persoas residentes nas rúas de Poza de Bar e San Lourenzo, así como os usuarios do colexio Pío XII, únicamente poden acceder a través da avenida de Compostela e Campo do Cruceiro do Gaio ou ben dende a rúa das Oblatas e Carme de Abaixo.

Como consecuencia destas obras, tamén se verá afectado o transporte urbano, xa que as liñas P1 Figueiras e a liña 8 Camiño dos Vilares - Vidán mudarán o seu percorrido habitual ata o próximo domingo.

En concreto, a liña P1 Figueiras accederá á rúa das Galeras a través das Casas Novas. No que respecta á liña 8, no seu traxecto sentido Vidán, desde a rúa da Senra desviarase por Xoán Carlos I, avenida da Coruña, avenida das Ciencias, Novoa Santos e continuará o seu itinerario habitual por San Lourenzo. E quedarán suprimidas as paradas de autobús en sentido Vidán 554, San Clemente (IES Rosalía de Castro); 223, Cruceiro de Gaio, e 402, Poza de Bar (Pío XII).

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións no tráfico na zona lles poidan ocasionar.

Ademais, tamén continúan as obras na rúa da Pastoriza iniciadas a mediados do pasado mes de setembro para a urbanización e adecuación das infraestruturas urbanas da vía, e coas que se pretende mellorar a mobilidade e accesibilidade no barrio da Almáciga na súa vertente oeste e nas súas zonas altas.

Esta fase de actuación, dunha duración duns tres meses, céntrase na arteria principal que se estende desde San Roque ata a praza da Paz, xa en Salgueiriños, e que conecta o barrio co resto da cidade.