Reactívase a mesa contra violencias sexuais tras dispararse os casos en Santiago

A operación realizada dende o Concello contra un club con mulleres prostituídas eleva a cifra do maltrato un 45% respecto de 2022

Concello e subdelegación do Goberno coinciden en que Santiago é unha cidade segura

Reunión da Xunta Local de Seguridade no Pazo de Raxoi

Reunión da Xunta Local de Seguridade no Pazo de Raxoi / CEDIDA

A Xunta Local de Seguridade, que se reuniu esta mañá no Pazo de Raxoi, analizou os datos de delincuencia no municipio no primeiro semestre de 2023 publicados polo Ministerio do Interior, que reflicten que "Santiago é unha cidade segura na que se esclarecen practicamente o 50% dos delitos", salientou a alcaldesa, Goretti Sanmartín. Na xuntanza, ademais das forzas de seguridade nacional e local reuníronse a alcaldesa Sanmartín, o concelleiro de Convivencia, Xan Duro e a subdelegada do Goberno, María Rivas.

Pese a esclarecérense preto do 50% dos delictos cometidos, a cifra de violencia de xénero sufriu, respecto do primeiro semestre do 2022, un incremento de arredor do 45%. Unha cifra que, en palabras da alcaldesa, "desatou as alarmas" mais que se viu xustificada porque "o incremento vén dado por unha operación concreta que se fixo dende o Concello a respecto dun club con mulleres prostituídas. Isto fixo saltar a alarma ao respecto dun repunte, con respecto ao primeiro semestre do ano pasado nun 45%".

Abordouse de xeito específico o aumento dos delitos contra a liberdade sexual, motivado por unha operación policial concreta, así como o estudo dos datos relativos á violencia de xénero no municipio. A este respecto, a alcaldesa anunciou a decisión do goberno de "reactivar a Mesa local de Coordinación institucional contra a violencia de xénero" co obxectivo de tratar esta lacra "non só dende a seguridade, senón dunha forma transversal, atendendo tamén ao ámbito sanitario, xurídico ou educativo".

"Preocúpanos a violencia de xénero e tomamos a decisión, por parte do grupo de goberno, de reactivar a mesa de coordinación local contra a violencia de xénero, unha mesa na que os temas relativos a este asunto non se abordan unicamente dende o ámbito policial senón de xeito transversal. Incluímos aí temas que teñen que ver cos ámbitos sanitarios, xurídicos e educativo, facendo fincapé na formación das persoas novas, tamén dende as forzas de seguridade", explicaba Goretti Sanmartín.

Os obxectivos e funcións desta Mesa, da que forman parte o Concello, a Xunta, o Goberno central, os distintos corpos policiais, colectivos feministas, a Xerencia da Xestión Integrada do Sergas, Inspección Educativa de Santiago e os colexios oficiais de Educadoras Sociais, de Psicoloxía e de Traballo Social, son determinar criterios para a detección precoz de casos de violencia no ámbito local; acordar principios comúns para a detección e a atención en casos de alto risco; realizar seguimento dos casos ou impulsar estratexias de sensibilización.

A este respecto, a subdelegada do Goberno, María Rivas, afirmaba que a "violencia de xénero é unha prioridade da subdelegación do Goberno, o Concello está adherido ao sistema Vioxen, que nos permite colaborar activamente tentando mellorar a coordinación e buscando novas fórmulas que tamén se concretan na activación desta mesa de coordinación interinstitucional.

María Rivas reiteroulle, así mesmo, á alcadesa a total dispoñibilidade e colaboración por parte da Subdelegación do Goberno na Coruña e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para garantir a protección das vítimas de violencia de xénero en Santiago.