Xa nas librarías 'Sem grama e sem frescura', unha novela de viaxe e autoficción

A obra de Constance Hurlé é resultado da primeira convocatoria de intervencións artísticas da Zona C

O libro, publicado por Rinoceronte editora, presentouse o mércores en Santiago

Constance Hurlé, Míriam Louzao e Xaquín López na presentación na Zona C

Constance Hurlé, Míriam Louzao e Xaquín López na presentación na Zona C / Concello

Sem grama e sen fortuna, primeira novela saída das residencias literarias na Zona C, presentouse onte no edificio do antigo Concello de Santiago. A súa autora, a viguesa Constance Hurlé, estivo acompañada no evento polo director do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao.

A obra, que combina a novela de viaxes e a autoficción, xorde a raíz da experiencia de oito meses de Hurlé por 17 dos 26 estados que integran Brasil “sem grama e sem frescura”, algo así como “sen cartos e sen miramentos”, desprazándose en transporte público e autostop con tan só unha mochila ás costas.

Esta experiencia plasmouna a autora grazas a esta primeira convocatoria de intervencións artísticas e creación literaria, dotado con 5.000 euros e desenvolvida nos meses de maio e xuño de 2022. Neste período a autora realizou no edificio da praza de Cervantes: mostra de imaxes e obxectos da viaxe, un obradoiro de escrita creativa, diálogos poéticos, lecturas públicas e conversas co público.

"A cidadanía e as persoas que nos visitan, puideron descubrir durante esta residencia", explicaba a edil Míriam Louzao, "unha exposición conformada composta por imaxes e obxectos relacionados con esta viaxe autobiográfica, e que permitiu a través da cita previa, mesmo poder charlar coa autora".

“Fixen a viaxe co motivo de escribir pero faltábame a motivación externa”, explicaba Constance Hurlé, “de aí a importancia da residencia artística”, porque "sendo antes unha motivación externa é un compromiso moi grande cunha mesma".

Constance Hurlé, que asegura que estaba máis afeita a escribir relato e poesía "non a topei ata esa oportunidade o motivo" de sentar a escribir. Un empuxe externo que paliou nalgún momento “a soidade da escrita” e unha experiencia que lle permitiu a Hurlé aprender que “se a vida non acompaña sempre hai unha mochila para iniciar outro camiño”, asegura.

 A obra, de preto de 500 páxinas, foi publicada por Rinoceronte Editora.

A autora

Constance Hurlé (Vigo, 1990) é licenciada en Filoloxía Clásica pola USC e ten o mestrado en investigación en Estudos do Teatro pola Universidade Autónoma de Barcelona. A escena é parte fundamental na actividade desta artista, tamén formada en escolas como a do creador escénico Vladimir Tzekov, en Granada, ou A Artística, en Vigo.

En 2014 iniciouse no microteatro e tamén levou a cabo o proxecto poético musical A mazá de Rosalía. Conforma dúo poético musical con Ruiu Grenha e ten edidatos dous poemarios e un fanzine poético autoeditado.

Entre os premios que atesoura está o do Festival FIOT de 2020 polo texto Monólogo para corpo en movemento, e foi gañadora do concurso de microrrelatos contra a violencia de xénero do Concello de Ribadavia por Manaus.