A Real Sociedade Española de Química recoñece o investigador do CiQUS da USC Diego Peña

Vén de recibir o Premio á Excelencia Investigadora pola súa traxectoria científica e capacidade de liderado

Diego Peña recibiu o Premio á Excelencia investigadora da Real Sociedade Española de Química na Universidade de Sevilla

Diego Peña recibiu o Premio á Excelencia investigadora da Real Sociedade Española de Química na Universidade de Sevilla / USC

Redacción

O profesor da USC Diego Peña Gil, pertencente ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), acaba de ser distinguido pola Real Sociedade Española de Química (RSEQ) co Premio á Excelencia Investigadora que recoñece a súa traxectoria científica e capacidade de liderado. Peña Gil recolleu o galardón nun acto que se desenvolveu no Paraninfo da Universidade de Sevilla. 

Este novo recoñecemento a Diego Peña súmase á Medalla Ignacio Ribas que lle foi concedida en 2018 polo grupo especializado de Química Orgánica da RSEQ. No ano 2020, o investigador recibiu o respaldo do Consello Europeo de Investigación (ERC) a través dunha axuda ERC Synergy Grant xunto a Leo Gross (IBM Research Zúric) e Jascha Repp (Universität Regensburg) para levar a cabo un ambicioso proxecto centrado na manipulación de moléculas individuais (ERC-SyG MolDAM). Na actualidade, o seu grupo continúa avanzando no desenvolvemento de novas metodoloxías sintéticas, a química sobre superficie, a síntese de compostos policíclicos aromáticos, ou a preparación de grafenos nanométricos. O premio está patrocinado pola empresa química BASF. 

Xunto a el, outros tres investigadores recibiron Premios á Excelencia Investigadora da RSEQ. Trátase de Ana Albéniz (Universidade de Valladolid), Igor Larrosa (Universidade de Manchester) e Marisol Martín González (CSIC). Durante a cerimonia entregáronse os premios e distincións RSEQ nas súas distintas modalidades e tamén houbo lugar para o recoñecemento aos socios con 45 anos de servizo.