Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os socialistas denuncian os retrasos na nova ordenanza de regulación das VUT

Reunión dos socialistas con representantes de Previturga

Reunión dos socialistas con representantes de Previturga / CEDIDA

Redacción

Santiago

O grupo socialista vén de denunciar retrasos na nova ordenanza que debe regular as Vivendas de Uso Turístico (VUT) logo de que, no pasado mandato, se modificase o Plan Xeral para poñer coto á proliferación deste tipo de aloxamentos turísticos.

Critican, logo dunha reunión coa Plataforma para a Regulación de Vivendas Turísticas (Previturga), que a alcaldesa “siga sen definir a súa postura” nesta cuestión.

Mercedes Rosón fala de “desconfianza” no sector sobre os plans de Goretti Sanmartín coas vivendas de uso turístico. A edil socialista critica que “mentres clama por un turismo sostible e respectuoso coa veciñanza” e “fala do problema de acceso á vivenda”, a alcaldesa “xoga coa ambigüidade e segue sen posicionarse claramente ao respecto das vivendas de uso turístico”.

Para a que fora responsable de urbanismo no goberno socialista, a regulación das VUT trátase dunha cuestión “clave” para abordar ambos retos. Rosón asegura que Sanmartín contaba xa “cun borrador enriba da mesa cando chegou”, xa que o deixaran preparado do anterior mandato e “polo tanto, é momento de que dea explicacións e pedirémosllas no próximo pleno para que aclare a que se debe este retraso na nova ordenanza”.

Rosón asegura “temer” que esta dilación nos prazos –xa que a alcaldesa asegurara que a finais do mes de outubro estaría un primeiro borrador–, débese a que Sanmartín “prometeu máis do que podía cumprir durante a campaña electoral”.

Tracking Pixel Contents