Os propietarios da Yago acatan a orde de execución do peche dos soportais da Sala compostelá

O Goberno socialista de Santiago comunicara o 29 de marzo de 2023 que se debera realizar esta modificación no prazo de dous meses

A demora debeuse á presentación dun recurso potestativo de reposición que foi rexeitado o pasado 18 de xullo

Novo aspecto dos soportais da Sala Yago compostelá

Novo aspecto dos soportais da Sala Yago compostelá / ECG

Dende comezos desta semana a Sala Yago loce cun novo aspecto nos seus soportais, por mor da execución dunha orde do Goberno municipal socialista que obrigaba á propiedade a introducir un peche de ballesta nos soportais do edificio.

Dita orde comunicouse o 29 de marzo deste ano e fixaba un prazo de dous meses para ser executada, mais os donos da sala presentaron un recurso potestativo de reposición que foi desestimado o 18 de xullo e executado nestes días.

Nesa mesma orde de reposición, comunicada pola concelleira de Cidade histórica naquela altura, Mercedes Rosón (PSOE) tamén decretaba, con data 10 de abril, ordear "a limpeza das pintadas dos paramentos cegos da planta baixa no prazo dun mes, de conformidade coas indicacións do informe técnico de 10 de marzo de 2023.

Tamén en relación á limpeza, obrigábase á retirada das pintadas de todas as carpintarías de pranta baixa, lixado e tratamento de protección con lasur das citadas carpintarías no prazo dun mes; e o peche da fiestra da pranta terceira nun prazo de 15 días.

De non teren realizado as accións indicadas na orde do Goberno local, os propietarios expoñíanse a que inmoble se incluíse no Rexistro de Soares, e así o afirmaba no mes de agosto o novo executivo municipal integrado por BNG e Compostela Aberta (CA).

Fontes da Corporación local explicaban naquel momento a EL CORREO GALLEGO a obriga de “manter o inmoble en condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade segundo o seu destino e consonte ás normas de protección do patrimonio, da rehabilitación e do medio ambiente”.

Rexistro de Soares

Esta entidade foi creada coa finalidade de incluír nel “os soares e as construcións en ruína, inadecuadas ou paralizadas, como medio de instrumentar a edificación ou rehabilitación forzosa nos casos de incumprimento dos deberes urbanísticos de edificación nos prazos estabelecidos”, explicaban.

Ademais, transcorridos dous anos dende a inscrición neste rexistro, “sen que se lle dese cumprimento ao deber de edificar ou, se é o caso rehabilitar, a Administración local decretará a edificación forzosa do soar ou a súa rehabilitación, ben de maneira directa ou a través dun particular”.

Dende o Goberno bipartito tamén sinalaban xa en agosto que unha vez acadado este nivel de deterioro a solución só pasaría porque “a propiedade ou ben rehabilite o inmoble para uso cultural, como é preceptivo, ou ben proceda á súa venda para esa mesma finalidade”, como se catalogou no Plan Especial da Cidade Histórica (1997).