Cortes e modificacións de tráfico durante a fin de semana en Compostela: estas son as rúas afectadas

Poza de Bar e San Lourenzo sufrirán restriccións de circulación polas obras de canalización eléctrica que se están a realizar no entorno da rúa Galeras e rúa das Oblatas

As liñas 8 en sentido Vidán e P1 nos dous sentidos de circulación do transporte urbano desviaranse dos seus itinerarios habituais

Corte de tráfico na avenida de Rodríguez de Viguri con motivo dos labores de aglomerado dos seus carrís

Imaxe dun bus urbano en Santiago

Imaxe dun bus urbano en Santiago / ECG

El Correo Gallego

Os vindeiros sábado 18 e domingo 19 de novembro, as rúas de Santiago da Poza de Bar e San Lourenzo van quedar cortadas ó tráfico por mor dos traballos de canalización eléctrica que se están a realizar no entorno da rúa Galeras e rúa das Oblatas. O corte será efectivo dende as 08:30 horas do sábado 18 ata a súa reapertura ás 07:00 horas do luns 20 de novembro.

Este corte vai supoñer os seguintes cambios na circulación:

- Queda prohibida a entrada á rúa da Poza do Bar dende a rúa de Galeras, polo que o tráfico desviarase pola rúa do Pombal.

- O acceso e saída dos vehículos nas rúas do Carme de Abaixo e Oblatas deberá facerse a través das rúas do Monte Pío, Casas Novas e Galeras.

- A baixada do Campo do Cruceiro do Gaio farase estes dous días obrigatoriamente cara a rúa do Pombal.

- Nas rúas de San Lourenzo e Poza de Bar permitirase o dobre sentido de circulación para que os/as residentes poidan acceder ós seus garaxes dende o cruzamento da rúa Carballeira de San Lourenzo coa avenida das Burgas. Haberá carteis avisando desta situación para que os/as condutores/as extremen a precaución á hora do cruzamento de dous vehículos.

Transporte urbano

Con motivo deste corte, as liñas 8 en sentido Vidán e P1 nos dous sentidos de circulación desviaranse dos seus itinerarios habituais desde as 8:30 do sábado 18 ata as 7:30 do luns 20 de novembro:

*Liña 8 cara Vidán: desde a rúa da Senra, desviarase por Xoán Carlos I, avda. da Coruña, avda. das Ciencias, Novoa Santos e itinerario habitual por San Lourenzo.

Para a liña 8 quedarán suprimidas as seguintes paradas (todas en sentido a Vidán): 554, San Clemente (IES Rosalía de Castro); 223, Cruceiro de Gaio; e 402, Poza de Bar (Pío XII).

*Liña P1 nos dous sentidos de circulación: realizará o desvío habitual por Galeras, costa de Casas Novas e Monte Pío ata o cruce con Carme de Abaixo, nos dous sentidos.

Para a liña P1 quedarán suprimidas as paradas: 224 e 225, Cruceiro de Gaio; 163 e 164, Carme de Abaixo.

O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.

Corte de tráfico na Avenida Rodríguez de Viguri o sábado

Con motivo do avance na reurbanización da Av. Rodríguez de Viguri, será necesario durante este sábado, a restricción do tráfico entre as glorietas da rúa Montes dos Postes e a da Av. do Camiño Francés. Aproveitarase a baixada da actividade laboral na contorna da Xunta para proceder ao aglomerado da calzada esquerda da rúa, sentido ascendente.

A previsión inicial é continuar estas mesmas tarefas na calzada dereita a partir do luns, día 20, executándose nun dos dous carrís e deixando a circulación no que queda libre. A Xunta avanza na remodelación da avenida Rodríguez de Viguri, cun investimento de 1,6 M€, no marco da coordinación co proxecto da Cidade de San Caetano e tras optimizar a intervención prolongando o carril bici ata a zona das Cancelas. Esta ampliación, sumada ao itinerario entre O Milladoiro, a intermodal e San Caetano, completará unha conexión que incluirá o complexo administrativo, a zona de Área Central, o Multiusos do Sar e os hospitais