Verea defende a proposta de parking en altura para o CHUS e acusa o "tripartito" de non querer solución

O líder do PP local responde á moción conxunta de BNG, CA e PSOE sobre o aparcamento do CHUS afirmando que de ser el alcalde asinaría o convenio coa Xunta

O que propoñen os ‘populares’ aseguran que é a maior transformación da Choupana nos últimos 25 anos

Verea voleu apostar este venres pola proposta dun parking en altura para o CHUS tras a moción de BNG, CA e PSdeG para solicitar á Xunta que aumente a súa achega

Verea voleu apostar este venres pola proposta dun parking en altura para o CHUS tras a moción de BNG, CA e PSdeG para solicitar á Xunta que aumente a súa achega / PPdeG

Un día despois de que as formacións progresistas da Corporación local (BNG, CA e PSOE) anunciaran a presentación dunha moción conxunta, para o pleno do xoves 30 de novembro, na que se reclama que a Xunta asuma o custo da ampliación do aparcamento do CHUS (Hospital Clínico) xa que se trata dun equipamento “supramunicipal” baixo a titularidade do Sergas (Servizo Galego de Saúde), o líder do PP local volveu poñer enriba da mesa a súa proposta de parking en altura.

Vídeo promocional do parking en altura

Coa proxección dun breve vídeo promocional onde se recrea como quedaría o complexo hospitalario co proxecto da Xunta, xa anunciado na campaña electoral por Borja Verea, o líder do PP local defendeu que a súa proposta foi “criticada” pola oposición porque “non teñen nin idea do que queren facer”. Así mesmo, afirmou que os plans da Xunta para o CHUS son “unha oportunidade histórica, unha solución integral e un paso de xigante” para Compostela. “Propomos a maior transformación da Choupana nos últimos 25 anos, verde e humana”, mentres “onte -en referencia ao xoves pasado- vimos todo o contrario, a foto do tripartito do non”.

Borja Verea defendeu que Santiago debe asumir o “esquema de financiamento proposto, igual que as outras cidades” nas que se están a facer obras nos centros hospitalarios. O líder do PP apuntou as cifras das áreas sanitarias de Pontevedra e da Coruña, ás que tamén se referiron BNG, CA e PSOE aducindo que a poboación compostelá “só representa o 22%” do total da área sanitaria. Verea afirmou que “a poboación da cidade de Pontevedra supón o 27% da área sanitaria e achega 16 millóns de euros”, para a ampliación do hospital, e sobre a cidade da Coruña asegurou que “a porcentaxe de cidadáns da Coruña é de arredor do 40% da área sanitaria”, e o concello achega á reforma hospitalaria preto de 25 millóns.

“É difícil atopar un goberno máis triste e máis decepcionante”, afirmaba Verea na rolda de prensa, “que en seis meses de goberno só puxo sobre a mesa nons”. Nesta liña o líder ‘popular’ pediulle ao goberno local, liderado por Goretti Sanmartín, “que deixen de mentir, ninguén cre que o problema sexan os catro millóns, cando non hai reparo en adicar oito millóns a asesores e altos cargos”.

Para Verea, o acordo de BNG, CA e PSOE para presentar esta moción no próximo pleno municipal é “unha moción de censura a min ou, peor, ao futuro da cidade”. “O que non queren é unha solución”, insistiu, e reafirmouse en que a parcela ofrecida polo actual Goberno local e tamén polo anterior (do socialista Sánchez Bugallo), preto do CiMUS non é adecuada por estar “lonxe e cunha pendente” para achegarse ao CHUS. O custo do proxecto de aparcamento do PP sería de entre 18 e 20 millóns de euros, e de aceptarse, habería que “buscar canto antes unha solución provisional” para as obras que xa están en marcha.

“O que non queren é unha solución”, asegurou Verea en referencia á moción consensuada polas forzas progresistas da Corporación local, “que deixen de mentir, que ninguén cre que o problema sexan os catro millóns de euros mentres non hai reparo en destinar oito a asesores e altos cargos”.

A resposta do líder do PSdeG

En comparecencia de prensa, o secretario xeral do PSdeG de Compostela, Aitor Bouza, tamén se pronunciou sobre a cuestión do aparcamento do CHUS, reiterando que ao PP lle “falta proxecto de cidade para Santiago e compromiso coa súa veciñanza”. Bouza defendeu que o posicionamento dos socialistas non se debe a “intereses partidistas, senón que son os da cidadanía”.

Aitor Bouza quixo “instar enerxicamente”, unha vez máis, a que a Xunta de Galicia poña enriba da mesa un proxecto no que a cidadanía de Santiago sexa “de primeira” e pulou polo pronunciamento de Alfonso Rueda ao respecto desta cuestión.