Entrevista | Sabela Iglesias Socia de Illa Bufarda

“O lema ‘O machismo dá noxo” é súper apelativo, quen o lea vaise sentir tocado”

A produtora creativa compostelá Illa Bufarda, na que traballan Sabela, Adriana P. Villanueva e Pilar Fernandez, é a responsable da campaña deste ano do Concello polo 25N. Atribúe ao machismo adxectivos como podre, noxento ou reseso e afirma que está "sen prórroga"

Sabela Iglesias é socia de Illa Bufarda, produtora creativa responsable da campaña polo 25N do Concello de Santiago

Sabela Iglesias é socia de Illa Bufarda, produtora creativa responsable da campaña polo 25N do Concello de Santiago / Antonio Hernández

Tomades o relevo da exitosa campaña ‘Compostela en Negro’. Imaxino que foi todo un desafío. 

Si que o foi. Viñamos dunha campaña con moita repercusión, que traspasou as fronteiras de Santiago. Foi todo un reto pero apetecíanos abordalo e parecíanos interesante renovar a mensaxe e a estética. Pero si, collémolo con moito respecto.

Pasastes do negro á cor e cambiastes a mensaxe por outra máis enfocada nas novas realidades. Como o formulastes?

Dende o Concello pedíronnos dúas liñas de traballo, dunha banda dirixirnos á xente moza e a todas as violencias que puideran estar sufrindo as rapazas na actualidade e logo tamén centrarnos no eido deportivo e nas violencias que se dan nel. Viñamos de todo o que aconteceu coa selección española de fútbol e queriamos traelo ao noso contexto. Así, a campaña inclúe pílulas informativas con mulleres deportistas da cidade e o hashtag #senpróroga. Elaboramos unha proposta na que tiñamos claro que queriamos apelar a quen exerce as violencias. Non tanto repetir, que eu creo que se está superando, esa idea de que é a muller quen ten que denunciar e protexerse e non poñer no foco, precisamente, en quen exerce as violencias machistas. De aí ese lema, “O machismo dá noxo”, que é súper apelativo. Quen o lea vaise sentir tocado. Cadaquén pode facer a súa lectura. Nalgunha persoa mesmo pode provocar un clic e dicir: “isto que fago pode ser machista, teño que revisarme”. 

O lema da campaña vai acompañado de imaxes de peixe e outros alimentos en mal estado en distintas cores. Que buscades con esta idea? 

Queriamos xogar moito coa estética publicitaria. Se ves este anuncio de lonxe pode parecer dunha marca deportiva ou similar. O que se estila a nivel estético nas redes. Velo e dis: “Oh, isto que é?”, e logo aproxímaste e descobres a mensaxe. 

Á hora de incorporar as mensaxes, que proceso seguistes?

Nosoutras, na nosa produtora, traballamos todo trasversalmente con perspectiva de xénero pero tamén ofrecemos formación e nos últimos anos estivemos moi en contacto con adolescentes. Tamén botamos man dunha asociación, Aseia, coa que xa tiñamos colaborado anteriormente na webserie Sex, unha asociación para a saúde mental na adolescencia e infancia, que nos asesorou. Cando tivemos todas estas mensaxes pedímoslles que nos deran o seu retorno, e tamén nos pasaron enquisas nas que puidemos ver que é o que máis preocupa a xente moza. Aí as redes sociais entran de cheo e as violencias que coñecemos de toda a vida toman agora novas formas e tamén novos nomes. Parecíanos moi interesante nomealos e que se coñecesen, mesmo quen non as vai sufrir, como pais, nais ou avós. Divulgalos de xeito interxeneracional. 

Falades de ‘mansplaining’, ‘sextorsion’... Cales son esas novas formas de violencia e como se exercen?

A campaña explica, a través de diferentes carteis, eses novos conceptos. ‘Mansplaing’ é cando un home, de xeito paternalista, explica algo a unha muller que ela xa sabe. Isto a nivel profesional, no audiovisual, tennos pasado en moitas ocasións así que nos identificamos moito con ese cartel. E logo o ‘bodyshaming’ é a utilización da contorna dixital para humillar unha muller polo seu físico ou polo seu corpo. ‘Sextorsion’ é chantaxear coa publicación de imaxes íntimas. 

Son tan malas as redes sociais para avanzar na igualdade de xénero?

Eu creo que a través das redes sociais está a publicidade de sempre, cos seus estereotipos de sempre, e o corpo da muller continúa no centro, pero tamén o dos homes e adolescentes con esa presión pola estética. Pero lonxe de demonizalas, nas redes sociais tamén existe unha chea de contido interesante que, se fas unha boa selección e unha boa criba, oxalá nós sendo adolescentes tiveramos acceso.