Raxoi denégalle ao IGVS a bonificación para construír os pisos protexidos do Castiñeiriño

O Concello xustifícase en que “a memoria presentada pola Xunta non recolle que estas VPP favorezan o apoio ás familias e colectivos con menos recursos da capital galega”

A Xunta licitou o pasado outubro a fase final da obra en Lamas de Abade

A Xunta licitou o pasado outubro a fase final da obra en Lamas de Abade / Antonio Hernández

O pasado 30 de novembro o Pleno municipal adoptaba a decisión de denegar a bonificación no imposto sobre construcións para obras de especial interese ou utilidade municipal solicitada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para os pisos protexidos do Castiñeiriño. A memoria da solicitude por parte da Xunta, da que Instituto pedía o máximo de bonificación, é dicir, o 95%, xustificaba o “especial interese” en que se trata dunha obra na que concorren intereses sociais e que se leva a cabo con fondos públicos.

O Pleno considerou que “non resulta de utilidade social para a veciñanza de Santiago” baseándose nun informe de Servizos Sociais elaborado hai meses co visto e prace da concelleira de Servizos Sociais do anterior Goberno local, Mila Castro

Esta afirmación baséase, segundo notificación do secretario xeral do Pleno de Santiago, á que tivo acceso este diario, en que na memoria presentada polo IGVS non se recolle “que as vivendas sociais proxectadas favorezan dalgún modo o apoio ás familias e colectivos con menos recursos do Concello”.

A ordenanza municipal 1.04 de 2006 de imposto sobre construcións, instalacións e obras, recolle no seu artigo 8.1 referido ás bonificacións que se establece “unha bonificación do 30% a favor de construcións que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorreren circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego”, e que a xuízo do Pleno da Corporación reciban o voto da maioría simple dos seus membros.

Neste sentido, o documento emitido polo Concello, explica que se ben reiteradamente na memoria do IGVS se recolle que “as vivendas financiadas con cargo a este programa só poderán ser arrendadas a persoas que vaian ter o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada”, neste caso na rúa Virxe Blanca, en Lamas de Abade, non indica que sexan persoas censadas no municipio, senón que se cingue a que estean “inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia”, sen que entre os requerimentos para ser adxudicatario dunha das 24 vivendas que se están a construír sexa preciso ser compostelán. 

A denegación subliña tamén que “o IGVS xa solicitara unha bonificación deste imposto para a mesma construción “e lle fora igualmente denegada” polo que a Xunta debeu abonar ao Concello a suma de 73.959 euros. Pola contra, a denegación municipal tamén fai unha crítica á política de vivenda da Xunta, xa que indica que a ordenanza fiscal de Santiago “establece unha bonificación do 50% a favor de construcións declaradas polo IGVS como Vivendas de Promoción Autonómica”.

Engade que esa mesma norma “non establece ningún tipo de bonificación para as vivendas de promoción pública, malia ter un carácter máis social que as de protección autonómica, como queda en evidencia co límite de ingresos que se lles esixe aos potenciais beneficiarios” pero dende o IGVS solicitouse a primeira e, en ningún momento a segunda. Dende a Corporación destácase tamén que a bonificación solicitada “afectaría á promotora, non ás persoas que accedan ás vivendas”.

Vintecatro vivendas que deben estar listas en outubro de 2024

O pasado mes de outubro, a Xunta licitaba, cun orzamento de 4.390.485,10 euros, o tramo final das obras para a construción destas 24 Vivendas de Promoción Pública (VPP) en Lamas de Abade, construídas na parcela 4B2 do SUNP 13 de Santiago, en dirección a A Estrada. O prazo de execución da obra, segundo figura no contrato, é de 12 meses.

Desta maneira, en outubro do ano que vén debería estar rematada a construción para poder procederse a adxudicación das vivendas, que segundo recolle a memoria do IGVS en relación ás superficies que se van construír e aos usos que se llevan dar, a edificación contaría con soto e semisoto, planta baixa e tres plantas altas. As plantas soterradas darán acollida a 36 prazas de garaxe, 24 rochos e locais e instalacións de servizo do propio edificio. 

As vivendas repartiranse entre as tres plantas altas e a baixa, cun total de seis vivendas por planta. Do total, haberá 11 vivendas de 3 dormitorios, 11 vivendas de 2 (das que unha delas deberá ser accesible) e 2 vivendas dun só dormitorio. Todas elas contarán con cociña, sala de estar-comedor con terraza, baño e lavadoiro-tendal (no caso das vivendas con 3 dormitorios, engádese un aseo).

As maiores vivendas son dunha superficie de 87 metros cadrados, de 69 metros cadrados as vivendas de dous dormitorios, de 76 a vivenda accesible (que se tiúa na planta baixa) e suman un total de 58 metros cadrados as dúas vivendas dun só dormitorio. A parcela ten unha superficie de 792 metros cadrados, que se reduce nas plantas sobre rasante en 3,3 metros de largo, o que deixa tamén espazo de uso público.