Empoderamento feminino nun rural vivo e “non idealizado”

O Museo do Pobo Galego acolle dende o pasado día 22 até finais de xaneiro unha mostra de retratos da xornalista e fotógrafa Charo Lopes, retratos de mulleres emprendedoras

A mostra 'espadELA' pode verse no primeiro andar do Museo do Pobo Galego

A mostra 'espadELA' pode verse no primeiro andar do Museo do Pobo Galego / Antonio Hernández

A xornalista e fotógrafa Charo Lopes (Barraña -Boiro-, 1988) é a autora dos retratos que ocupan agora unha das salas do primeiro andar do Museo do Pobo Galego. EspadELA (Escola de apoderamento feminista de mulleres do rural), xurdida da man da cooperativa Arabías e do Sindicato Labrego Galego e financiada pola Deputación da Coruña, foron quen lle fixeron o encargo da exposición na que se retrata un rural que foxe do locus amoenus, do lugar idílico, e que se mostra con toda a realidade, con todas as dificultades sen caer “no pesimismo ou na derrota”, o “rural de 2023”, explica Charo Lopes.

Retratos “representativos da diversidade do rural, un espazo vivo e activo” que nos amosan mulleres emprendedoras coma Ana, de Comoxo Organics ou Esperanza do Casal, muller empoderada e dinamizadora cultural do centro social da súa parroquia, sen esquecer as mulleres migrantes que traballan como coidadoras en Arzúa ou Amparo e Laura e as súas nenas, en Brión. “Unha familia que rompe o patrón do modelo único heteronormativo”, explica Lopes sobre estas últimas.

Pese a que idea inicial da fotógrafa era un pousado pechado no que pedía que as retratadas trouxesen algún alimento, algo que representase a abundancia, “a fartura”, o propio proceso, conta, “trouxo algo diferente”, con localizacións negociadas coas protagonistas da imaxe, fotografías non xenéricas, senón con “nome e apelidos” e fuxindo da idealización do rural.

Esperanza do Casal é unha das protagonistas da mostra 'espadELA'

Esperanza do Casal é unha das protagonistas da mostra 'espadELA' / Charo Lopes

“Retratamos a festa e o mar, porque tamén hai rural na costa, non só na montaña ou no interior”, di Charo Lopes, e tamén un rural reivindicativo, como é o caso das mulleres de Touro, en contra da mina. “Defensa da terra e feminismo” inmortalizada a través de sesións fotográficas “lentas, que a min me permiten unha maior complicidade coas retratadas, que se acomoden, que deixen de escoitar o disparo da máquina de fotos”. 

É así como Charo Lopes consegue facer un retrato do rural actual, en feminino, “vivo, activo, complexo e con moito potencial”, di a fotógrafa “representado na abundancia e que chama por un futuro sostible, no ambiental e no social”. Como pano de fondo, literal nalgún retrato e simbólico en toda a mostra, a obra de Virxilio Viéitez (Forcarei, 1930-2008), figura chave da fotografía galega do século XX, admirado por Charo Lopes polo interese compartido co autor polo retrato antropolóxico, etnográfico

Unha mostra que continuará a súa itinerancia logo de estadía no Museo do Pobo (onde permanecerá até finais de xaneiro) e que para a autora funcionou “case coma un proxecto de investigación”, ao que chegou dende o feminismo e que aínda así derrubou na propia autora “prexuízos, imaxinamos cousas puras pero a complexidade sociolóxica do rural é abrumadora”.

Admira destas mulleres, entre outras cousas, Charo Lopes, “a capacidade de apertura, a resiliencia, din que para abrir a mente hai que viaxar”, pero Lopes négao porque “o que hai é que ter a cabeza dispoñible”. Descobre coas mulleres do rural, e transmíteo nas súas fotografías, “un coñecemento teórico-práctico” que conecta coa idea de comunidade, de conexión co territorio, con enraizamento “sen idealizacións”.

EspadELA e Arabías

A cooperativa Arabías nace en 2018 como “cooperativa galega de traballo asociado sen ánimo de lucro” e faino cun equipo interdisciplinar que traballa dende a perspectiva feminista, “deseñamos e dinamizamos procesos de transformación social co obxectivo de contribuír ao avance da igualdade de xénero e á erradicación das violencias machistas”, din na súa páxina web. Unha cooperativa que traballa en cinco eixos fundamentais: a formación, a consultoría, a coeducación, a intervención social e o desenvolvemento e a mediación sociocomunitaria.

Un dos proxectos que desenvolve Arabías, e que lle dá nome tamén á mostra de Charo Lopes é EspadELA, “escola de apoderamento feminista para mulleres que habitan o rural da provincia da Coruña, que busca fomentar a participación na vida comunitaria a través de procesos de apoderamento persoal, social e político”. Unha escola que parte do traballo persoal coa intención de “estas mudanzas poidan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino”.