Amigos da Ópera de Santiago estrea a programación de 2024 coa zarzuela ‘Miñatos de Vran’

A peza, estreada na Habana 1928 e só representada de novo en 1959, poderase ver por vez primeira neste século en Vilagarcía de Arousa e en Compostela

As citas, o días 19 e 21 de xaneiro

‘Miñatos de Vran’, zarzuela galega musicada polo mestre Juan Fernández Vide e libreto asinado por Otero Pedrayo

‘Miñatos de Vran’, zarzuela galega musicada polo mestre Juan Fernández Vide e libreto asinado por Otero Pedrayo / J. TÁBOAS

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela iniciará a súa actividade para 2024 neste mes de xaneiro coa recuperación de Miñatos de Vran, zarzuela galega musicada polo mestre Juan Fernández Vide e libreto asinado por Ramón Otero Pedrayo.

Para a peza, que se poderá ver os días 19 e 21 de xaneiro en Vilagarcía de Arousa e Compostela respectivamente, a formación reunirá en escena para unha representación escenificada a Banda de Música Municipal de Santiago, baixo a dirección de Daviz Fiuza; o Coro Asociación Liceo de Vilagarcía, baixo coa dirección de Josefa Dorado Soto, e a formación Antiguos Tunos de Santiago. As voces solistas serán a soprano Patricia Rodríguez Rico, o barítono Gabriel Alonso e o tenor Diego Neira. A dirección escénica correrá a cargo de José Álvarez.

Amigos da Ópera de Santiago, que conta co apoio da Xunta de Galicia e os concellos de Vilagarcía de Arousa e de Santiago, recuperará así unha obra que só se puido ver en dúas ocasións: a estrea na Habana en 1928 e unha segunda representación en Ourense en 1959.

Na versión orixinal, o libreto pertencía a Enrique Zas, mais o seu extravío forzou que tres décadas despois Otero Pedrayo fose o encargado de reelaboralo para a súa posta en escena na cidade das Burgas. Neste 2024, Amigos da Ópera impulsa a reestrea na época actual con dúas citas: o vindeiro 19 de xaneiro no Auditorio de Vilagarcía e o venres 20 no Auditorio de Galicia, en Compostela.

A temática, con mencións á situación social, económica e cultural da Galicia da época, está relacionada coas Irmandades da Fala. A zarzuela Miñatos de Vran, igual que outras obras do mestre Vide, contén motivos populares do folklore galego. Foi creada cunha finalidade pedagóxica para as distintas agrupacións artísticas que dirixiu no Centro Galego de A Habana, entre 1924 e 1932, onde foi mestre na Academia de Belas Artes do Centro Galego de A Habana, e director do seu conservatorio.

A acción desenvólvese nunha vila galega de pescadores e labradores no noroeste de Galicia, posiblemente inspirada en Ribeira, lugar de vacacións para os señoritos (os miñatos), e nas rúas de Santiago onde van estudar os señoritos da vila. Narra, como acontece en moitas obras do xénero zarzuelístico e operístico, a difícil historia de amor dun mariñeiro, Manuel, namorado en segredo da bela Maripepa, tamén pretendida por Carlitos, veraneante madrileño, e por Eduardo, señorito da vila e estudante de medicina.

A estrutura, en tres actos, ten por distintos escenarios unha vila galega pesqueira, no primeiro e terceiro acto. O segundo acto ten lugar nunha rúa con soportais e nunha taberna clásica, en Santiago.

Amigos da Ópera de Santiago, dentro do seu labor de difusión e de achegamento aos diferentes xéneros da lírica, está a realizar un traballo de revitalización da zarzuela galega. Dentro desta liña de traballo, o pasado ano centrouse na recuperación d’A lenda de Montelongo, peza estreada no Teatro Principal de Santiago no ano 1924.

Trátase dun dos principais exemplos da chamada zarzuela galega, xénero no que tamén se enmarca Miñatos de Vran e que se consolida da man das Irmandades da Fala, dado que nos principios fundacionais desta movemento estaba contemplada a necesidade de afianzar os trazos identitarios e a galeguización da sociedade.

As características principais son o uso da nosa lingua neste xénero, a intención tanto de retratar como de facer reflexionar sobre a realidade social da época e tamén o uso de diferentes disciplinas artísticas sobre escena: muiñeiras, coros, alalás, xotas ou cantares de cego.

A parte musical en Miñatos de Vran contén preludios, coros, romanzas, dúos, coplas, interpretadas polos solistas principais, o coro e a tuna. A editorial Galaxia editou en 2023 o texto de Otero Pedrayo, en edición do musicólogo Javier Jurado.