A Xunta recoñece o bo traballo e o compromiso do Xelmírez I a prol da convivencia e o benestar

O instituto compostelán foi o gañador, na categoría de Secundaria, do Premio ConVivimos, que contou coa participación de máis de 50 centros galegos

Despois de que se coñecesen os premiados, o conselleiro de Cultura visitou este luns o IES Xelmírez I

Despois de que se coñecesen os premiados, o conselleiro de Cultura visitou este luns o IES Xelmírez I

O IES Xelmírez I foi, na categoría de Secundaria, o gañador da I edición do Premio ConVivimos, que ten por obxectivo recoñecer o bo traballo e o compromiso dos centros escolares a prol da convivencia e o benestar. É unha das medidas incluídas no novo Plan integral contra o acoso e o ciberacoso aprobado recentemente pola Xunta de Galicia. No apartado de Primaria, o Colexio CEIP Mestre Martínez Alonso, en Mos, obtivo o primeiro premio, dotado con 5.000 euros, mesma cantidade que se levou o gañador na categoría de Secundaria.

Unha vez se coñeceron os galardoados, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visitou este luns o Xelmírez I para felicitar a comunidade educativa. Román Rodríguez destacou o labor dos centros premiados na elaboración de propostas para fortalecer o respecto e a equidade entre alumnado, docentes e membros do equipo educativo. “Esta primeira convocatoria contou coa participación de máis de 50 centros de toda Galicia das distintas etapas, o que demostra o compromiso da comunidade educativa galega coa convivencia e a tolerancia no entorno escolar”, salientou o titular de Educación. Ademais, lembrou que na xornada de onte comezouse a aplicar nos centros de toda Galicia o protocolo para regular o uso dos móbiles nos centros educativos durante o tempo de lecer, a través do que se amplía á totalidade da xornada escolar a limitación do uso de teléfonos e dispositivos electrónicos que xa estaba vixente no interior das aulas desde 2015 en todos os centros sostidos con fondos públicos de Galicia. 

“Cremos que esta decisión, froito da demanda social manifestada, contribuirá a concienciar sobre un uso seguro e saudable da tecnoloxía e a garantir unha mellora na convivencia escolar”, destacou. Tal e como se informou á comunidade educativa por parte da Xunta, establecerase un plan de formación para acompañar ás familias no manexo responsable dos móbiles, para o que contarán co apoio do Goberno galego.

Boas prácticas en toda Galicia

Os centros participantes na convocatoria do premios ConVivimos presentaron unha memoria descritiva do conxunto de actuacións levadas a cabo en materia de convivencia e benestar emocional. No caso do instituto IES Xelmírez I, levan traballando desde hai anos en diferentes iniciativas, como titorías de convivencia, círculos de diálogo para expresar os malestares na aula, a elaboración dunha Guía de benestar emocional ou a posta en marcha do programa En modo convivencia: o Xelmírez 1 medra, con máis dunha vintena de charlas, obradoiros, clubs de lectura ou grupos de teatro, entre outras. 

No marco da primeira edición do Premio ConVivimos tamén foron recoñecidos os centros CEIP de Meaño-As Covas, CEIP Flavia de Padrón, CEIP Nicolás del Río de Cedeira, IES Eduardo Pondal de Ponteceso, IES Universidade Laboral de Ourense e IES Perdouro de Burela.