O rural santiagués será o beneficiario dos 900.000 € do Plan Único da Deputación

A Xunta de Goberno compromete 640.512 euros do Plan Complementario para realizar melloras nos viarios da Ruta da Prata en Marrozos e na rúa de San Martiño en Aríns

Figueiras vai recibir unha achega de 338.754 euros para a mellora dos seus equipamentos deportivos

Os edís do Goberno local (esquerda) coa concelleira do Rural, Pilar Lueiro, á fronte e os deputados Xosé Penas e Cristina García

Os edís do Goberno local (esquerda) coa concelleira do Rural, Pilar Lueiro, á fronte e os deputados Xosé Penas e Cristina García / CONCELLO

A Deputación da Coruña financiará con 900.000 euros do Plan Único obras e servizos públicos do Concello de Santiago que a corporación destinará integramente ao rural compostelán. O anuncio facíano onte a concelleira de Rural, Pilar Lueiro, e a deputada responsable de Plans provinciais, Cristina García. “Nos inicios deste plan, en 2017, era a deputación quen marcaba a que se debían destinar os cartos, agora serán os concellos os que tomen esta decisión para, desta maneira, gañarmos en eficiencia”, explicaba Cristina García en Raxoi.

A concelleira Lueiro, que se congratulou de que a partida chegue a comezos de ano porque permitirá “planificar con maior eficiencia”, explicou que o Concello de Santiago destinará a dotación do Plan Único á realización de melloras no rural. Deses 900.000 euros totais do POS+ 2024, destinarase unha partida de 436.815 euros a gastos correntes, “para a execución de operacións de conservación, mantemento e reparación de pavimentos e drenaxes nos viarios e espazos públicos municipais do medio rural e tamén para a execución de operacións de desbroza, limpeza e matemento de marxes e drenaxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais”, explicaba a edil do BNG.

Un total de 338.754 euros, vencellados á achega 2023, destinaranse a investimentos de mellora de equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras, “un proxecto que leva parado desde 2019 e que ten moita necesidade da arranxo”, destacou Lueiro. Unhas obras que agora deben saír a licitación.

Os outros 124.000 euros da achega irán dirixidos a cubrir gastos sociais, “non esquezamos que boa parte das traballadoras do SAF desenvolven a súa actividade no rural”, lembraba a concelleira en relación co Servizo de Axuda no Fogar.

Xunto a estas achegas da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago tamén aprobou na Xunta de Goberno celebrada o pasado luns o emprego de 640.512 euros do Plan Complementario para executar outras obras no rural, vinculadas neste caso coa mellora de viarios.

Trátase nun caso da ‘Ampliación do paso superior da Ruta da Prata sobre o tren na Cañoteira-Outeiro de Marrozos’, unha actuación coa que se pretende mellorar o paso superior do ferrocarril existente no viario entre Cañoteira e Outeiro de Marrozos. “Esta mellora permitirá o acceso á parroquia de Marrozos dos vehículos do transporte público urbano e escolar, servizos de distribución de mercadorías e tamén unha mellor accesibilidade dos vehículos dos servizos de emerxencia”.

A outra parroquia destinataria dos fondos do Plan Complementario será a de Aríns, concretamente a rúa San Martiño, na que se vén de aprobar a segunda fase da renovación do pavimento da calzada. “A fase primeira está aprobada pero sen facer”, indicaba Pilar Lueiro, que xustifica o feito de que a obra non se levase a cabo a “unha cuestión de tempos”. Apróbase así dende o Goberno local a segunda fase do proxecto para poder realizar durante 2024 a obra completa.

Segundo os datos achegados pola deputada Cristina García, o prazo de presentación de proxectos para o Plan Único está aberto e a súa execución será dun ano, “ampliable a dous máis, por exemplo no caso de obras que dependan de autorizacións doutras administracións”, recalcou. Cristina García tamén indicou que a comarca de Compostela conta cun financiamento de 16,5 millóns, do total de 50,5 millóns de euros que supoñen a dotación do Plan Único da Deputación da Coruña.