Zumalave, orgulloso de contribuir en traer á súa cidade música extraordinaria da man da Real Filharmonía

Sanmartín agradécelle a súa dedicación durante décadas e deixa aberta a porta a novas colaboracións

Maximino Zumalave cos membros da Corporación Municipal durante a recepción en Raxoi

Maximino Zumalave cos membros da Corporación Municipal durante a recepción en Raxoi / Cedida

Koro Martínez

Cunha longa carreira na que se algo quedou demostrado foi o seu amor pola cidade que lle veu nacer e pola música en maiúsculas, da que co seu empeño conseguiu que desfrutaran milleiros e milleiros de composteláns e visitantes ao longo de case tres décadas, Maximino Zumalave recibiu este xoves unha máis que merecida homenaxe no Concello de Santiago.

Nun acto no que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, expresoulle o seu agradecemento “en nome do conxunto das persoas que formamos parte da corporación e tamén do persoal do Auditorio e do Consorcio”, o que foi director da Real Filharmonía de Galicia desde 1996 e ata o pasado decembro, dixo sentirse “moi orgulloso de ter contribuido a que esas cousas tan extraordinarias que se estaban a facer fóra, as puideramos ter tamén aquí”.

Na súa intervención, Maximino Zumalave botou a vista atrás para asegurar que “tiven a gran sorte de poder facer na miña cidade cousas que vira antes fóra dun gran nivel e que me gustaban moito”. Lembrou que a primeira vez que estivo en Alemaña para participar nun curso de verán, “cheguei un pouco tarde porque estiven enfermo, das poucas veces que estiven enfermo por suerte na miña vida, e puiden escoitar o coro e a orquestra antes de entrar ao lugar da clase, e pensei en todo o que me gustaría que aquelo pudiera facerse en Santiago”.

Sen querer entrar en detalles sobre a forma na que se levou a cabo a constitución da Real Filharmonía de Galicia en Compostela, mencionou a coincidencia de que un tempo despois da súa estadía en Alemaña empezou a falarse de “facer unha primeira baixa academia en España, que xa había en Oregón, no Chaikovski de Moscú, en todo o mundo, pero había unha rivalidade porque a quería Barcelona, e puidemos traerla para Santiago”.

Un logro para o conxunto da súa cidade natal que, segundo explicou, permitiu que Helmuth Rilling se convertira no primeiro director da Real Filharmonía, “un director de trascendencia internacional, unha referencia”, xa que “pensen por exemplo que no concerto que se fixo en Alemaña despois da reunificación deo país coa Filharmónica de Berlín, o director foi el”, engadiu.

Incidiu en que Rilling foi o primeiro director da Real Filharmonía de Galicia, dentro dun proxecto que cualificou como “moi ambicioso” e que deu os seus resultados.

A alcaldesa agradeceulle “toda a túa traxectoria, a túa dedicación e o papel importantísimo que tiveches tamén na fundación da Real Filharmonía, que é parte nosa, consustancial xa desta cidade”.

Eloxiou “todo ese amor que levas mantendo pola música, pola música en Compostela, todo ese traballo de colaboración”, e amosouse convencida de que “continuará habendo colaboracións, aínda que agora sexan de maneira máis esporádica, pero igual de intensas porque ti levas a música no teu sangue, é o teu sinal de identidade”.

Na recepción, na que ademais de varios membros da corporación estiveron presentes os xerentes do Consorcio de Santiago e do Auditorio de Galicia, Belén Hernández e Xaquín López, respectivamente, Goretti Sanmartín considerou que “nos levamos gozado deses concertos, dese traballo e desa colaboración, e Santiago é moito o que che debe”.

Rematou transmitíndolle o recoñecemento de toda a Corporación Municipal por todo o traballo e dedicación desenvolvido.