O Refuxio de Bando recibe 40.000 euros do Concello para proceder coa mellora das súas instalacións

Construiranse 3 parques de recreo para cans e dous patios para gatos e habilitaranse 4 canís para animais maiores, entre otras intervencións

Dous cans no Refuxio de Bando, no lugar de Zarramacedo / jesús prieto

Dous cans no Refuxio de Bando, no lugar de Zarramacedo / jesús prieto / l.r.

Despois do elevado incremento de entradas de cans e gatos o pasado ano 2023 no Refuxio de Bando de Zarramacedo, o Concello de Santiago decide agora destinar unha partida de 40.000 euros para a mellora das súas instalacións, que na actualidade acollen un total de 270 cans e 270 gatos, dos que 82 se atopan en casas de acollida temporal. O Refuxio de Bando, que ten a singularidade de ser o único da contorna que atende gatos e gatas, recibiu o pasado mes de xuño 169 animais, a cifra máis elevada da súa historia.

En concreto, a intervención que se está a realizar neste espazo consiste na construción de tres novos parques de recreo para cans e dous novos patios para os gatos; o arranxo de portas; a habilitación de catro canís para animais maiores, enfermos e cachorros así como diversas reparacións de mantemento.

O concelleiro de Dereitos dos Animais, Xesús Domínguez, fixo un chamamento á implicación de todas as administracións que integran o Refuxio de Bando, “tanto na achega de recursos humanos como económicos, para facer sustentable a xestión destas instalacións e do servizo que prestan para o coidado dos animais”.

Xesús Domínguez sinalou que tanto a dirección do Refuxio como o propio Concello están facendo xestións para procurar a colaboración con outras entidades e empresas do sector, como farmacias e clínicas veterinarias, para buscar sinerxías e facilitar a súa contribución a mellorar a situación actual.

“Insistimos na necesidade de concienciar a veciñanza para evitar o abandono de animais e tamén en dar a coñecer que as persoas que queiran adoptar un can ou un gato poden acudir ao Refuxio de Animais de Bando ou pórse en contacto a través da información que figura na súa páxina web, onde están as fichas con fotos e características dos animais para a súa adopción”, engadiu.

O refuxio tivo un presuposto superior a 500.000 euros no 2022

O Refuxio de Bando presta servizo a Santiago e tamén aos concellos de Teo, Vedra, Boqueixón, Val do Dubra, Touro, Brión, Trazo, Dodro e Padrón. Todos eles financian parte da súa actividade. A capital galega achegou en 2022 (último exercicio pechado) 200.000 euros e o resto de concellos sumaron 166.424 euros. Cada un deles achega en base á súa poboación e tamén ao número de animais que envían a Bando. Ademais, a Fundación recibe achegas dos seus socios e unha parte dos gastos sufráganse coas taxas que pagan as persoas que adoptan animais.

En total o refuxio contou en 2022 cun orzamento de 563.875 euros. Con este diñeiro, ademais de pagar ao persoal, a alimentación dos animais (só os cans consomen 100 quilos de penso ao mes), tamén se sufragan os gastos de mantemento e intervencións en clínicas veterinarias privadas que non é posible asumir dentro das instalacións.