Pagar os impostos con Bizum: a proposta do PP de Santiago para modernizar a Administración

José Antonio Constenla acusa o Goberno bipartito de "escurantismo" en canto ao informe de mobilidade do CHUS

O edil 'popular' afirma que o modelo turístico do executivo de Sanmartín "non existe"

Nova proposta do PPdeG: pagar os impostos con Bizum

Jesús Prieto

O Partido Popular de Compostela levará ao Pleno do luns 29 unha iniciativa para que se incorpore a plataforma Bizum ao pagamento de tributos municipais. A pretensión do PP é a de "modernizar a Administración local". Sobre este asunto o edil José Antonio Constenla afirmaba este mércores en rolda de prensa no Pazo ded Raxoi que os constantes anuncios do Goberno local "son irreais" e considera que están cheos de "atascos, ineficacia e ineficiencia".

Neste sentido o edil ‘popular’ asegurou que “basta con achegarse a calquera dos servizos municipais” para ser coñecedor de que “as licenzas tardan meses en concederse, cando non anos ou que cando hai que pagar unha multa, pouco menos e hai que cubrir unha instancia”.

A proposta do PP busca contribuír a unha "administración próxima e áxil que evite desprazamentos inutis". "Bizum é un bo modo de afrontar pagos de pequena contía, seguro e sen comisións", afirma o edil do PP que pon exemplos de concellos que xa aplican esta medida como Burgos, Toledo ou Zaragoza así coma nalgunhas deputacións e que tamén están a estudar a implantación deste método de pagamento cidades coma Madrid ou Barcelona.

“A iniciativa pódese pensar que é pequena pero é unha demostración clara do que o PP quere para a cidade: unha administración próxima, moderna e áxil”. Desta maneira o edil do Grupo popular tamén se refería ao programa electoral da formación asegurando que concorreron ás eleccións cunha proposta “seria, rigorosa e transformadora que establecía un rumbo claro para a cidade”. Constenla asegurou que o programa é a imaxe de marca do PP e que tiña un obxectivo claro “mellorar a vida de todos os veciños”

Informe de mobilidade do CHUS

Sobre o informe co que o Goberno local acudirá o próximo martes á reunión coa Xunta para resolver o problema de mobilidade do CHUS, Constela acusa unha vez máis á alcaldesa de "escurantismo" e de que "non mira á oposición". O PP tacha a Goretti Sanmartín de "soberbia política" e asegura que é o Concello quen "debe liderar a solución do Clínico" e afirma que a Xunta e mesmo a Deputación "poden colaborar".

A formación conservadora si se amosa favorable ao anuncio de implantar a zona ORA na contorna do hospital, "está ben que faga uso das súas potestades" e que non sexa "unha administración parasitaria que vive do que hai e non se atreve a mellorar".

Un modelo turístico inexistente

Preguntado pola presenza do Goberno local na Feira Internacional de Turismo Fitur, José Antonio Constenla asegurou que se trata "dunha campaña" pero recalcou que o modelo turístico do Executivo municipal "é inexistente" e instou a que se leve a cabo "un traballo conxunto coa oposición para coidar o patrimonio e conseguir a presenza de turismo internacional que Santiago merece".