Reurbanizar o aparcamento da avenida de Ferrol, nova proposta do PSdeG ao Pleno

Recibiron denuncias da veciñanza que cualifican a zona como insegura por falta de boa iluminación

O edil do PSdeG Gonzalo Muíños no párking da avenida de Ferrol /cedida

O edil do PSdeG Gonzalo Muíños no párking da avenida de Ferrol /cedida / Redacción

Redacción

O Grupo municipal socialista levará ao Pleno do próximo luns en Raxoi a proposta de manter en servizo o aparcamento situado entre a avenida de Ferrol e o IES Eduardo Pondal, no barrio de Conxo. O PSdeG afirma poñer agora o foco nesta cuestión unha vez que avanzan as obras “do edificio que será a nova fachada de Romero Donallo”.

O edil socialista Gonzalo Muíños visitou na zona, no cruzamento coa avenida Romero Donallo, onde estaba inicialmente prevista a creación dunha área axadinada de 5.524 metros cadrados na parcela que na actualidade alberga un aparcamento, que de modo ordinario acolle arredor de 150 vehículos.

Por esta razón, dende a formación socialista considérase necesario combinar as dúas necesidades: por unha banda a creación dunha zona verde e, pola outra, manter un espazo de estacionamento que á vista das cifras semella ser necesario. Neste sentido Muíños recalca a importancia desta superficie, situada ao carón do instituto e moi próxima tamén ao CIFP Politécnico, que ademais é empregada a diario polos veciños da zona. Así e todo, Muíños puntualiza que a situación actual do aparcamento é “precaria pero opera como parcadoiro en superficie, aínda que con importantes deficiencias, fochancas e maleza nas marxes”.

A intervención que se propoñerá no próximo Pleno debera, segundo a intencionalidade dos socialistas, poñer tamén solución ás últimas denuncias da veciñanza. “Estase a converter nun punto conflitivo para a convivencia no barrio”, asegura Gonzalo Muíños, que explica que recibiu denuncias por parte da veciñanza nas que se sinala que a zona é insegura por non estar iluminada.

A proposta socialista de combinar aparcamento e zona axardinada xustifícaa o edil Gonzalo Muíños en que a súa formación considera “que se poden combinar ambos proxectos, recuperar unha zona desaproveitada para o uso comunitario como contempla o proxecto da promotora e facilitando a integración dunha bolsa de aparcadoiro”. Con esta conxugación o PSdeG defende que “estaríamos acometendo a reforma do párking integrándoo nunha contorna renaturalizada ao tempo que “se mellora a mobilidade peonil, salvando os desniveis que da parcela”.