Pacientes do CHUS denuncian as "condicións lamentables" dos enfermos oncolóxicos do hospital de día

Pídenlle á xerencia reformar a área de admisión garantindo a privacidade dos pacientes, renovar as cadeiras das salas de espera e dotalas de fontes de auga fría, aumentar a dotación de persoal sanitario e mellorar a comida

A Asociación de Paciente e Usuarios do CHUS carga contra os retrasos na atención a pacientes oncolóxicos e a calidade da comida que reciben

El Correo Gallego

ECG

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS reitera a denuncia feita hai xa oito anos sobre as condicións en que están sendo atendidos os pacientes oncolóxicos que deben recibir tratamento no hospital de día. A mencionada denuncia levou á separación dos hospitais de día oncolóxico e hematolóxico, pero persisten os problemas estruturais postos de relevo xa daquela que, lonxe de se solucionar, aínda se agravaron nos últimos tempos.

Sala de espera insuficiente e asentos incómodos

A sala de espera é claramente insuficiente para os pacientes e os seus acompañantes e a solución que se buscou para esta situación foi situar asentos nunha zona de paso por onde transitan quen vai a outras especialidades ou ao ascensor. Téñase en conta que os pacientes oncolóxicos son persoas co sistema de defensas deteriorado, que quedan máis expostos, se cabe, a contraer outra enfermidade e, dito sexa de paso, asentos pouco confortables para quen ten reducida a súa mobilidade, caso frecuente nesta sección.

A cantidade de persoas que acoden cada día á consulta fai que deban ir unha hora e media antes para que lles dea tempo a realizar as analíticas previas antes de recibir o tratamento de quimioterapia. Aquí arranca, segundo a Asociación de Pacientes, unha cadea de demoras que provoca unha media de seis ou sete horas de espera para completar todo o proceso cada vez que acoden á consulta.

Bocadillo e froita pasada

As condicións en que se atopan as persoas que reciben tratamento aquí, explican desde a Asociación, supón que non poidan estar moito tempo sen comer e, como na práctica pasan case todo o día, fai que se lles proporcione comida. "O que reciben como xantar componse dun bocadillo, unha peza de froita e un iogur. Se isto non parece o máis indicado para pacientes maiores ou con malestar que lles impide tolerar calquera tipo de alimento, se miramos en que se concreta a conclusión é moito peor, pois o bocadillo é de embutido e a froita está xa pasada", aseguran.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS critica a comida dispensada aos pacientes oncolóxicos

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS critica a comida dispensada aos pacientes oncolóxicos / Cedida

Boa atención pero dotación insuficiente

A atención recibida por parte do persoal sanitario é valorada moi positivamente polos usuarios do servizo, pero afirman que a dotación resulta insuficiente. Ademais, cando algunha das persoas que atenden non está, din, non é substituída o que "agrava o colapso e a espera".

Mención á parte merecen as demoras na realización e informe das probas radiolóxicas, claves para o seguimento desta doenza, e que segundo a Asociación de Pacientes do CHUS se están a retrasar de media catro meses entre que se solicitan e se dispón dos resultados.

Por isto, desde a Asociación de Pacientes do CHUS esíxenlle á xerencia e ao xefe do servizo que as condicións do Hospital de Día Oncolóxico se axusten aos estándares de calidade e recomendacións do Ministerio de Sanidade publicadas no ano 2009. E mencionan as prioridades: "reformar a área de admisión garantindo a privacidade dos pacientes, renovar as cadeiras das salas de espera e manter a ratio de 1,5 asentos por paciente e dotándoas de fontes de auga fría, garantir que non hai salas de espera que sexan zonas de paso, aumentar a dotación de persoal sanitario e mellorar a comida que se proporciona durante a espera que obstensiblemente non cumpre as mínimas condicións de calidade".