A USC forma por primeira vez ao alumnado sobre o funcionamento dos órganos de representación

O Consello de Estudantado organiza unhas xornadas en distintas facultades o 5 e o 13 de marzo para lograr unha maior participación

Grupo de estudantes da Universidade de Santiago no Campus Sur

Grupo de estudantes da Universidade de Santiago no Campus Sur / Antonio Hernández

Por primeira vez a Universidade de Santiago vai acoller as Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria, organizadas polo Consello do Estudantado neste curso 23-24 en colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes, sendo o seu principal obxectivo capacitar ao estudantado que vaia a presentarse a órganos de representación. Terán lugar os días 5 e 13 de marzo en diversos centros do Campus Sur de Santiago e tratarase de chegar a estudantes de todos os centros da universidade, incluídos os de Lugo e para os cales se facilitará servizo de autobús. Hai tres prazas por centro con prioridade para estudantes de 1º e 2º curso. No caso de cubrirse todas as prazas –o prazo finaliza o mércores 21 de febreiro– serían 75 os estudantes que acudirán ás xornadas. A participación será recompensada cun crédito ECTS en recoñecemento da formación recibida.

“É a primeira vez que temos un curso formativo para entender como funciona a universidade, cales son órganos de toma de decisións e como participar neles”, comenta en conversa con este medio a vicerreitora de Estudantes da USC, Pilar Murias. Ademais, haberá formacións máis específicas que poderán escoller os participantes, entre as que haberá un curso de primeiros auxilios, outro de oratoria impartido polo Club de Debate e outro de redes socias, como exemplos.

Segundo destacou Pilar Murias, trátase dun “paso máis” para intentar recuperar os niveis de participación na vida universitaria por parte dos estudantes. “Co Plan Bolonia houbo unha caída e coa pandemia estancouse a cifra. Estamos en niveis baixos de participación, se ben os últimos anos foron relativamente positivos”, incidiu. Recentemente Murias estivo na reunión da CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) para tratar asuntos estudantís. Xunto co resto de vicerreitores e vicerreitoras de Estudantes de toda España viuse como “todas as facultades están interesadas en recuperar a participación do estudantado nun sentido amplo”. Por unha banda está a implicación nas actividades culturais ou voluntariado e logo a participación en órganos de goberno, co fin de que o alumnado “achegue a súa visión da universidade e participe na toma de decisións votando”.

O Consello de Estudantado tiña en mente este proxecto dende o curso pasado. Por parte da Vicerreitoría de Estudantes o traballo de intentar revertir a baixa participación comezou no pasado mes de novembro cando se celebraron as eleccións de representantes de estudantes nas Xuntas de Centro, o primeiro nivel de participación para un estudante. “Nese mes fíxose o esforzo de ir polos centros co fin de incentivar que houbera alumnado que se presentara e así tiveran representación nas facultades e escolas, xa que algunhas non tiñan”, asegura. A pesar de que as prazas cubertas seguen sendo poucas con respecto ás que potencialmente hai dispoñibles para estudantes, estas dobláronse. No ano 2022, segundo indica Pilar Murias, había 220 prazas cubertas sobre 870 e no 2023 incrementáronse ata as 460. 

“O alumnado ten que achegar a súa visión da universidade e participar na toma de decisións votando”

Pilar Murias

— Vicerreitora de Estudantes da USC

Agora, nesas Xuntas de Centro o alumnado ten que presentar a súa candidatura para poder formar parte do Consello de Estudantado, onde hai unha praza por centro e xa se presentaron as candidaturas. As eleccións celebraranse o 23 de febreiro. A mediados de marzo, o día 14, terán lugar as eleccións de representantes de estudantes no Claustro Universitario e “tamén é importante para o Consello de Estudantado, xa que dentro dos que se presenten algúns pasarán ao Consello de Goberno e oito entran directamente no novo Consello de Estudantado”.

En definitiva, a vicerreitora agarda que haxa unha alta participación nestas xornadas, se ben é consciente de que pode resultar complexo. “Hai que recoñecer o mérito do alumnado xa que teñen un horario de clase e no caso dos que teñen prácticas será difícil compaxinar todo”, declarou.

Pola súa banda, Andrés Couso, vicepresidente do Consello de Estudantado da USC, agradeceu a colaboración de Murias, “que dende o primeiro momento nos axudou a que saíran adiante estas xornadas”.

Andrés Couso asegura que o estudantado non sabe para que serve a representación estudantil. “Ata que un non se involucra ou non pregunta sobre o tema é complexo entender o seu funcionamento”, dixo. Ademais, dende o Consello de Estudantado ven fundamental crear unha rede de estudantes para mostrar apoio. De aí que as xornadas tamén pretendan fomentar a convivencia.

"Ata que un non se involucra é complexo entender como funciona a representación estudantil”

Andrés Couso

— Vicepresidente do Consello de Estudantado da USC

Couso ten claro que o estudantado ten que formar parte dos órganos de decisión. “Neles decidimos horarios do vindeiro curso, horarios de exames, a programación de materias que vai unida ao sistema de avaliación, etc. En definitiva, trátase de poder decidir como queremos que sexa a nosa universidade”, concluíu.