Santiago

Movemento cidadán para declarar BIC o mural de Urbano Lugrís en Santiago tras catalogar os da Coruña

A obra xa conta cun nivel de protección establecido polo Concello

Reclaman tamén levar a cabo unha restauración e posta en valor 

Henrique Alvarellos observa o mural de Urbano Lugrís pintado nun local da rúa do Franco

Henrique Alvarellos observa o mural de Urbano Lugrís pintado nun local da rúa do Franco / Jesús Prieto

A iniciativa para o recoñecemento e posta en valor do mural do pintor Urbano Lugrís situado nun local de hostelería da rúa do Franco vén de reclamar que se dea un paso máis e sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC) por parte Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Co obxectivo de reforzar a súa protección, a reivindicación prodúcese despois de que este martes fora publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) a incoación do expediente para a declaración BIC de varios frescos semellantes do pintor surrealista na rúa Olmos da Coruña.

Alvarellos Editora é quen promove a posta en valor deste mural e, xunto con In Nave Civitas e Asociación O Mural, traballa pola conservación de todas as obras do pintor surrealista en Galicia. No caso do fresco compostelán –pintado en 1954 cando o actual 100 Montaditos do Franco era o Bar América–, o Concello de Santiago realizou un trámite o pasado mes de xaneiro para a súa protección consistente na modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para garantir a súa conservación. O director da editora, Henrique Alvarellos, afirma que “quedamos satisfeitos nun primeiro momento coa iniciativa do Concello, que valoramos moitísimo por iniciar esa protección a nivel local. O que pedimos agora é que tamén se declare BIC”.

Segundo explica Alvarellos, a principal diferenza entre os murais de Santiago e A Coruña, é que os da cidade herculina están “en perigo inminente”, porque se atopan nunha casa en ruinas, na que se está filtrando auga e “pode pasar calquera cousa nas próximas semanas”. Así, o tamén escritor indica que “a vantaxe que temos en Santiago é unha certa tranquilidade de que o cadro non ten ese perigo inminente, pero si que hai que darlle todas as categorías de protección de cara ao futuro”. Polo tanto, esa protección “pasa porque sexa BIC”.

Importancia do contexto

Alvarellos incide tamén na importancia de que os frescos se conserven nos lugares onde foron pintados. “O significado destas obras artísticas é total e ten toda a súa razón de ser cando se conservan no lugar onde foron creadas. Adoitan ser lugares de restauración, onde o propio pintor se ofrecía ou lle pedían decorar algunha parede deses lugares, entón aí teñen todo o sentido” apunta. Así, considera que “ao descontextualizalas ou sacalas dese lugar, gañariamos que se salvan, pero perden o contexto. É moi importante o contexto en calquera obra de arte, pero aquí moito máis”.

A declaración BIC vese como un primeiro paso, xa que despois Alvarellos sinala que sería necesario “analizar o seu estado por técnicos, especialistas, ter algún tipo de rehabilitación se a necesita, que cremos que si, porque está escurecido polo paso do tempo ou os fumes dos locais”. Ademais, solicita unha posta en valor, para a que “pedimos que no lugar onde está se poña unha placa na fachada que indique que aquí Urbano Lugrís pintou un dos seus famosos murais”.

Valor engadido

Alvarellos sostén que este proceso suporía un “valor engadido” para a rúa do Franco. “É un sitio no que xa hai algunhas placas, pero non é un lugar que culturalmente se destaque. Aí daríase un valor engadido tamén a toda a rúa dicindo que nela, a carón de todos os negocios de restauración, hai tamén unha obra de arte excepcional, moi singular”.

Así, aclara que debe ser a propiedade quen dea o permiso para a colocación dese distintivo, pero cre estaría “todo a favor” de facelo, xa que a xente, “ademais de tomar a tapa de turno, vai ver unha obra artística”.

Unha pintura con setenta anos de historia

O mural de Urbano Lugrís en Santiago contén oito escenas nas que está representado boa parte do mundo pictórico, artístico e onírico de Lugrís. Aparecen cidades sumerxidas, serpes mariñas xigantescas, praias desérticas con restos de naufraxios, unhas baleas e un volcán, barcos nun océano bravo e arquitecturas estrañas. Os tonos no que está son unha mestura de marrón e ámbar, pero deteriorados e escurecidos polo paso do tempo. “Cando se restauren as cores orixinais, pode ser unha obra que atraia moitísimo”, sinala Alvarellos.

Recoñecido como un dos pintores surrealistas máis destacados de Galicia e España, Lugrís recibía encargos de obras en paredes de bares e restaurantes polos que cobraba unha cantidade de diñeiro e noutras ocasións por unhas semanas de comida a cambio. Dos que existían na cidade perdéronse os do Hotel Compostela, os do bar Lugo e foron separados da parede os da Clínica Álvarez que agora se encontran espallados en coleccións públicas e privadas. O da rúa do Franco é o único que permanece conservado no seu lugar orixinal.