Os alumnos descobren a vida universitaria do século XIX: “Antes compartíase máis”

Un total de 13 estudantes da USC coñeceron este xoves o Museo Casa da Troia, que recrea a hospedaxe de décadas 

Os estudantes da USC durante a súa visita á Casa da Troia

Os estudantes da USC durante a súa visita á Casa da Troia / Jesús Prieto

Un total de 13 alumnos e alumnas da Universidade de Santiago, unha boa parte de Filoloxía Clásica e de Historia, poideron coñecer a historia que esconde o Museo Casa da Troia, ubicado no casco histórico da cidade e inaugurado o 27 de febreiro de 1993. Trátase dun espazo que recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya, que dou a coñecer unha versión teatral e cinco cinematográficas.

Algúns deles, como residentes do Burgo das Nacións, acercáronse na tarde deste xoves ata este punto co fin de coñecer como era a vida social dos estudantes nunha época pasada e dalgún xeito facer unha comparativa co que eles viven a diario durante cada curso académico.

Desde 1886 ata 1906 a Casa da Troia funcionou como hospedería de estudantes. A súa dona orixinaria é Generosa Carollo, propietaria da pensión na que se desenvolve a novela. En anos sucesivos viviron nela varias familias, unha por planta como era habitual na época. 

Tal e como relatou o director do museo, Benigno Amor Barreiro, fillo de Benigno Amor Rodríguez, quen adicou máis de vinte anos da súa vida á súa creación e mantemento, foi grazas ao programa da radio Cadena Ser, alá polo ano 1966, Vostedes son formidables, adicado á recadación de fondos para causas sociais, polo que se reuniron 500.000 pesetas para adquirir e rehabilitar a vella hospedería estudantil da Troia. A rehabilitación lévase a cabo a principios dos noventa, momento no que xa non quedaba nada da decoración orixinal. A casa baleirouse para tratar de recrear o ambiente e a distribución dos pisos, acorde coa época na que transcorre a novela, cara ao ano 1885.

Dende 1993 ata o 2008 logrou estar aberto de xeito ininterrumpido. Tras dous anos pechado, o 15 de xullo de 2010, en pleno Ano Xubilar, volve abrir co impulso da Asociación de Antigos Tunos Composteláns

A distribución do edificio

Na planta baixa do museo está a recepción, antiga zona de paso das persoas e dos animais que baixaban ás cortes. No primeiro piso sitúase o salón-comedor, tamén habilitado como lugar de estudo, e noutra época, lugar de ensaio da Tuna Compostelana, e a sala de respeto, una pequena estancia que se empregaba durante as visitas dos familiares dos estudantes.

No segundo piso están os dormitorios, un colectivo e outro individual, o cal era ocupado polo que pagaba máis. Esta habitación era a que ocupaba o protagonista da novela de Pérez Lugín, Gerardo Roquer, na cal se pode ver o traxe tradicional galego “que antes se levaba ás vodas”.

Os estudantes da USC durante a súa visita á Casa da Troia de Santiago

Os estudantes da USC durante a súa visita á Casa da Troia de Santiago / Jesús Prieto

O cuarto colectivo foi a estancia que máis chamou a atención dos estudantes da USC durante a visita. Nela puideron ver as catro camas, das que Benigno Amor comentou que “sempre se dixo que seguramente as madeiras procederan de carpinteiros de Santiago”, unha pileta para asearse e mesillas de noite de madeira cunha pequena porta para gardar os ouriñais. Recorda Benigno que “vaciábanse pola ventá ao grito de: auga vai!”. Sobre as camas está colocada vestimenta da época e baúles “nos que os estudantes traían os seus traxes”. Estes gardábanse debaixo das camas. 

No último andar ubícase a cociña, que como ben descubriron os alumnos, optábase por esa ubicación ao facilitar o desaloxo das personas no caso dun pequeno incendio ou fumareda da lareira. Unha razón á que Benigno Amor engadiu a posibilidade de aproveitar mellor a luz natural do día. Ao carón, ubicábase o cuarto da dona da pensión, Generosa.

Por último o sótano, que por aquel momento se utilizaba como cuadra de cabalos e burros, está adicado ás Tunas Universitarias. Na actualidade hai un total de 200 becas de tunas de todo o mundo colocadas en varios expositores, de distintas cores e cos correspondentes escudos. A maiores pódense ver instrumentos musicais, trofeos e fotografías.

A percepción dos universitarios: “Todo era muy pequeño”

Sorpresa e incredulidade foron os principais sentimentos dos estudantes ao remate dunha visita organizada polo estudante de Historia Paulo López. Como membro do Consello de residentes do Burgo das Nacións decidiu organizar a actividade “para dinamizar a vida da propia residencia e ver como foi diminuíndo a vida conxunta”. Segundo transmitiu Arturo Díaz, estudante de segundo curso de Filoloxía Clásica, e natural de Caracas, o motivo que o levou a adentrarse no museo foi “lo poco que sabía sobre la historia y vida social en la ciudad”. A pesar de estar residindo no Burgo das Nacións, asegurou que “no esperaba que los jóvenes llegaran en décadas anteriores a vivir así”. O que máis lle chamou a atención foi a idea de pensión, unha forma de vivir “en la que se compartía mucho más”.

O mesmo opinou a súa compañeira de titulación, Jana Barreiro, natural de Vigo. No seu caso vive nun piso da capital galega e “nunca me planteé vivir en una residencia”. Asegura que a visita permitiulle “conocer como era la vida universitaria de compañeros de otras épocas”. O que máis lle sorprendeu foi a distribución das habitacións e “lo muy pequeño que era todo”.