Persoal de Anatomía Patolóxica do CHUS teme pola súa saúde polas condicións de traballo

Asegura que sofre dende hai tempo episodios de dor de cabeza, escozor na gorxa, picor nos ollos

Protesta do persoal

Protesta do persoal / CEDIDA

O persoal técnico de Anatomía Patolóxica do CHUS, farto da “desidia e inoperancia” en materia de saúde laboral da Xerencia de Xestión Integrada, que preside Eloína Nuñez Masid, acudiu onte ao servizo de Medicina Preventiva, a fin de expoñer non só o seu malestar ante o “abandono do servizo”, senón polas condicións de traballo ás que se vén expostas, “ao non tomar en consideración a administración, as directrices e recomendacións emanadas de Inspección de Traballo.

O persoal asegura que leva sufrindo dende hai tempo episodios de dor de cabeza, escozor na gorxa, picor nos ollos e mesmo epístaxe, ao non traballar nun entorno seguro. Neste laboratorio de Anatomía Patolóxica trabállase con productos altamente canceríxenos, como o Formol, polo que as condicións de seguridade deben de extremarse, a fin de que non repercuta na saúde dos traballadores. Sinalan que hai aproximadamente seis meses iniciouse o proceso de substitución das mesas de tallado existentes, por unhas de novas adquisición, pero polo visto “existen deficiencias nas instalacións, previsiblemente na aspiración e as súas canalizacións que impiden a saída cara o exterior das concentracións ambientais do laboratorio e garantir así a saúde dos traballadores”.

Denuncian que tampouco existe “unha planificación para a revisión da saúde dos traballadores por parte do Servizo de Medicina Preventiva, xa que polas condicións do traballo, se deberían de ter controis periódicos”. Ademais, remarcan “a gravidade deste asunto e as consecuencias, actuais e futuras, sobre a saúde das traballadoras, responsabilidade de Eloína Nuñez e a súa Dirección, ante a inoperancia acumulada, non só nestes últimos meses, senón dende que se iniciaron as denuncias por parte dos delegados de PRL de CIG-Saúde no ano 2016”.