Santiago

O instituto de Física de Altas Enerxías da USC recibe 2,6 millóns ao ser recoñecido como unidade de excelencia

O Igfae consegue por segunda vez a distinción María de Maeztu, outorgada pola Axencia Estatal de Investigación

O centro investirá os recursos no impulso da súa presenza internacional, a captación de talento e a apertura á sociedade

O director do Igfae, Carlos Salgado, no Campus Sur de Santiago

O director do Igfae, Carlos Salgado, no Campus Sur de Santiago / Jesús Prieto

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae) vén de ser recoñecido como unidade de excelencia María de Maeztu, unha distinción outorgada pola Axencia Estatal de Investigación que supón recibir un financiamento de 2,6 millóns de euros durante os vindeiros catro anos. O centro mixto da USC e da Xunta consegue por segunda vez este recoñecemento e empregará os recursos no desenvolvemento do seu plan estratéxico, que pasa pola participación en experimentos internacionais, a formación de persoal investigador e a captación de talento e a apertura á sociedade.

Segundo apunta en conversa con EL CORREO GALLEGO o profesor da Facultade de Física da USC e director do Igfae, Carlos Salgado, a primeira distinción, obtida en 2017, “induciu un cambio profundísimo, tanto desde un punto de vista de funcionamento como de proxección e das actividades que facemos”. Agora, agarda que se produza “o segundo salto adiante con esta nova acreditación”.

Talento de todas as idades

Ademais, “unha diferenza fundamental con respecto ao ano 2017 é que estamos en plena construción de novas infraestruturas. Isto vainos permitir ter unhas capacidades máis grandes para retos científicos que antes non podiamos formular”. No que respecta ao financiamento, considera que “está ben dotado, pero non é unha cantidade exorbitante. O que fai cambiar a dinámica non é tanto a aportación económica como a acreditación en si”.

Despois de levar a cabo varios programas para a captación de talento ‘junior’, o Igfae proponse nos vindeiros anos atraer “investigadores de todas as idades”. Salgado subliña que “queremos incidir tamén na formación do persoal científico antes de que comecen a súa carreira, durante os seus estudos universitarios e incluso antes de empezalos. É dicir, levar a cabo un plan de xestión de talento moitísimo máis integral e moitísimo máis ambicioso”.

Reducir a fenda de xénero

Dentro desta estratexia tamén se inclúe o obxectivo de reducir a fenda de xénero, un fenómeno frecuente “na física de partículas e noutras áreas da ciencia que se visualizan como máis técnicas. O programa de talento será unha ferramenta fundamental para mellorar isto”, indica o director do Igfae.

Salgado afonda en que “comeza en idades moi temperás” e apunta que dende o centro “estamos facendo un esforzo por fomentar un cambio na mentalidade con actividades coas rapazas que son sempre moi ben recibidas”.

Penetración na sociedade

O Igfae tamén procurará continuar achegando a súa actividade á sociedade, especialmente coa celebración do seu 25º aniversario que se cumpre este ano. Salgado revela que tratarán de “facer unha comunicación coa sociedade diferente a maiores da tradicional de divulgación científica”, por exemplo con accións nos centros educativos ou a través do seu programa de arte e ciencia.

Ademais, o feito de estrear unha nova sede nos próximos meses “vainos dar uns espazos que non tiñamos para poder facer actividades abertas ao público”. Desta maneira, coa confluencia da acreditación Marái de Maeztu, as actividades do aniversario e as novas instalacións, Salgado agarda que “todo isto nos faga máis coñecidos”.

“Temos que planificar con máis de 15 anos de antelación en que experimentos internacionais imos participar”

Un dos principais obxectivos do Igfae é a súa participación nas grandes infraestruturas e experimentos internacionais, en particular na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) e o acelerador de partículas desta institución situado preto da cidade suíza de Xenebra. Segundo explica Carlos Salgado, o centro galego está planificando agora, con máis de 15 anos de antelación, cal vai ser o seu papel no novo colisionador do CERN e “en que experimentos internacionais imos participar”.

Salgado apunta que “a física de partículas está nunha especie de encrucillada”, xa que o actual acelerador estará funcionando ata 2041. “Pode parecer unha data moi lonxana pero os tempos na física de partículas son tan dilatados que neste momento estamos xa planificando cales serán os novos experimentos e o novo acelerador despois do 2041”, sinala o director do Igfae. “O CERN está apostando bastante forte por construír un novo acelerador de 100 quilómetros de circunferencia”, o que implica que “un dos obxectivos para nós neste período será posicionarnos nestas novas infraestruturas experimentais. Temos que decidir como imos participar e en que imos participar”, engade.

Outra infraestrutura na que ten a vista posta o Igfae é Einstein Telescope, un proxecto de ondas gravitacionais sobre o que se está a discutir neste momento a súa ubicación, que probablemente será en Europa. “Temos que planificar con máis de 15 anos de antelación onde imos participar porque todo o desenvolvemento tecnolóxico vaise empezar a facer agora”, remarca Salgado.

“Dito doutra maneira, agora mesmo estamos planificando cal será o futuro dos posibles científicos galegos, pero tamén doutros lugares, que poderán empezar a traballar no Igfae e que neste momento están entrando na escola na etapa de infantil”, indica Salgado. “Estamos pensando neste momento como posicionar o centro para que poidan desenvolver mellor a súa carreira”, destaca.