O Colexio de Xornalistas crea un rexistro que distinguea información de calidade

Chámase NRede e poden formar parte del todos os medios que cumpran uns requisitos

Darío Janeiro, secretario do CPXG, e Francisco González, decano.

Darío Janeiro, secretario do CPXG, e Francisco González, decano. / CPXG

Redacción

Nace NRede no seo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, un Rexistro de Medios Dixitais Galegos para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital. Hoxe en día é fundamental distinguir en internet a información rigorosa, elaborado por profesionais da información, daquela que tan só é ruído. NRede pretende precisamente iso, e tamén que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas ou ben para acreditarse en determinados eventos.

O decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, salientou que NRede “é unha ferramenta necesaria nos tempos da dixitalización de contidos para separar o grao da palla; para que lectores e administracións identifiquen as empresas que realmente realizan un labor xornalístico”. Pola súa parte, Darío Janeiro, secretario do Colexio e coordinador do proxecto, salientou a importancia de contar “cun certificado fiable e actualizado, mantido por unha entidade de referencia como o Colexio de Xornalistas, onde tanto cidadáns, administracións, entidades ou empresas que se relacionen cun medio dixital poidan verificar que cumpre cos estándares profesonais”. “En tempos de desinformación e de proliferación de espazos na rede de dubidosa orixe e intencionalidade, dispor dunha ferramenta como NRede pon en valor a aposta do CPXG de salientar o traballo de medios de comunicación e xornalistas”, concluíu.

NRede vai servir para que as institucións, empresas e cidadanía en xeral poidan saber se o sitio web que están a visitar cumpre, de maneira probada, cos requisitos para poder ser considerado un medio de comunicación, coas garantías que iso supón para a información que forneza. Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos quedarán rexistrados nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía. Serán recoñecidos tamén mediante o selo de Medio Dixital Galego, co seu numero de rexistro, que poderán visibilizar nas súas webs.