Bosque, versos, música... comeza a conta atrás para a Festa do Banquete de Conxo

O día 25 ás 11 da mañá a carballeira será a protagonista da I Carreira de orientación

Ese mesmo sábado será o encontro de poesía, coa compostelá Sara Porto Puente como unha das intervintes

Conta atrás para o Banquete de Conxo: volve a festa máis participativa da cidade

Conta atrás para o Banquete de Conxo: volve a festa máis participativa da cidade / Archivo

Entre o 24 e o 26 de maio a celebración volve ao barrio de Conxo, desta volta para conmemorar a Festa do Banquete, protagonizada en 1856 pola poesía "subversiva" de estudantes universitarios posicionados "a prol da democracia", como lembraba no Pazo de Raxoi o edil de Centros Socioculturais, Xan Duro.

Este concelleiro, xunto á titular de Deportes e Festas, Pilar Lueiro, presentou na mañá deste xoves a programación que se levará a cabo o sábado 25: Festa da Poesía e carreira de orientación polo bosque. Unha actividade esta última sen carácter competitivo e para todas as idades na que se poderá participar individualmemte ou en grupos, "para favorecer a participación en familia", explicaba Pilar Lueiro.

“Queremos con esta actividade amosar o bosque doutro xeito, dalo a coñecer e achegalo máis aos cidadáns que ao mellor aínda non tiveron a ocasión de descubrilo a fondo e por suposto favorecendo unha actividade saudable para todos os públicos”, engadía a concelleira. Para ser parte desta non-competición tan só é necesario inscribirse, seleccionando a categoría, na web xestanatureza.com.

Poesía e música coa mocidade como protagonistas

Ás 21 horas dese mesmo sábado dará inicio na praza Aurelio Aguirre a Festa da Poesía, conducida pola dramaturga, actriz e autora Lorena Conde e onde se reunirán os versos e a música da man de creadores novos como a santiaguesa Sara Porto Puente, premiada na última edición do certame Xuventude Crea,  ou a viguesa Blanca Trigo.

O concelleiro Xan Duro reivindicou da celebración de 1856 “os brindes que pronunciaron Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luis Rodríguez Seoane que foron uns textos subversivos, de reivindicación da democracia e da igualdade, e cos que se mostraba o poder da palabra como arma social”.

O terreo musical vai contar, entre outros, co ritmo da banda Filloas, do Centro xove da Almáciga, C. Mirazo -pioneiro do trap en Galicia e en galego- e Ash Diz, artista ourensá que explora a fusión entre a música tradicional e a urbana, “que ten colaborado con artistas como Berto, Fillas de Casandra ou Sheila Patricia”, apuntaba o edil Xan Duro, e que opta nesta edición a un dos premios Martín Códax da Música, na categoría de Música Urbana.

Desfile de época cos Quinquilláns

Un ano máis, a compañía Os Quinquilláns levará a batuta no desfile teatralizado do día central da Festa do Banquete, o domingo 26 de maio. Unha dramatización que percorrerá as rúas dende a cidade histórica até Conxo pasando polo Ensanche e para a que o edil de Centros Socioculturais (CSC) quixo animar unha vez máis á veciñanza a participar, lembrando que as inscricións seguen abertas e tan só hai que achegarse ao CSC máis próximo, mandar un correo a csconxo@santiagodecompostela.gal ou chamar ao teléfono 981528740.

Este ano ademais de chamar á mocidade a caracterizarse coma estudantes da época, o festexo está aberto a todas as propostas de música de autor, hip hop ou poesía, que tamén poderán remitirse a csconxo@santiagodecompostela.gal, e poderase participar como voluntario escribindo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.

Os concelleiros tamén lembraron que para ir vestidos de época levaranse a cabo obradoiros de vestimenta tradicional impartidos pola Asociación do traxe econ Bety Busto nos Centros Socioculturais do Ensanche, Laraño, Conxo e Marrozos.

O CSC de Conxo tamén acollerá un obradoiro de baile tradicional impartido pola Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos, unha formación que terá lugar o 24 de maio ás 18:30 na praza Aurelio Aguirre.

Mercado do libro e tren do Banquete un ano máis

Esta quinta edición da Festa do Banquete continuará co mercado do libro que se vai desenvolver o sábado 25 e o domingo 26 na praza Aurelio Aguirre. Nesta feira tomarán parte librarías, editoriais e outros sectores vinculados ao mundo do libro e da ilustración, interesados en expoñer os seus produtos editoriais. Unhas actividades que se poderán complementar con actividades coma recitais ou breves presentacións. No caso de superarse o número de postos dispoñibles, a organización seleccionará os participantes por estrito orde de rexistro das súas solicitudes, que deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello ata o 8 de maio.

O mercado vai contar este ano cunha mostra de oficios tradicionais onde se exhibirá en vivo o traballo de artesáns de diferentes oficios, como poden ser a forxa, a orfebraría, o traballo do coiro ou a cerámica.

E nestas mesmas datas, sábado 25 e domingo 26 de maio, a veciñanza poderá gozar do especial percorrido, de balde, do tren turístico, decorado tamén ao estilo da época do Banquete de Conxo. Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda con parada na praza Aurelio Aguirre e chegarán á praza de Martín Herrera no barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época.