Carballo fomentará os hábitos de turismo consciente e sustentable

Entidades ecoloxistas e ambientais colaborarán con actividades divulgativas e de sensibilización

Terán lugar en xullo e agosto

O alcalde de Carballo, terceiro pola dereita, con edís e respresentantes das entidades colaboradoras

O alcalde de Carballo, terceiro pola dereita, con edís e respresentantes das entidades colaboradoras / c. c.

O Concello de Carballo dará continuidade ao proxecto Eu quero Razo-Baldaio, que pretende crear hábitos de turismo consciente a través de accións relacionadas coa sustentabilidade. Terá o apoio dos colectivos Senda Nova, Hábitat, Adega, Cemma e a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, entre outras. As actividades desenvolveranse nos meses de xullo e agosto, e comezarán o vindeiro día 5 cun roteiro para explorar as pozas da marea. A fauna e a flora das contornas dunares centrarán outro dos itinerarios (8 de xullo), e do 10 ao 14 haberá obradoiros para restaurar as esculturas do litoral e crear unha nova en homenaxe a Carlos Díaz, O Xestal. Tamén está programada unha xornada de eliminación de especies invasoras (día 12), un obradoiro de pegadas e indicios nos camiños (días 15 e 16), unha ruta cultural pola costa carballesa (día 22), unha Noite das Avelaíñas (día 26) e un roteiro a Razo (día 29).

En agosto organizarán unha ruta nocturna pola Eira das Meigas do monte Neme (día 5), unha xornada de achegamento ás orixes e a xeolodía da costa de Carballo (día 12), e un obradoiro de iniciación á ornitoloxía (día 15). Haberá tamén unha festa da praia amenizada por Circus Magníficos (día 19) e un simulacro de rescate de cetáceos (día 23).

Playa de Baldaio

Playa de Baldaio / TURISMO DE CARBALLO

A programación pecharase cunha noite de astronomía (día 24) e unha limpeza colectiva das praias de Razo e Baldaio, para liberar estes areais de plásticos e microplásticos.

Tanto o Concello como as entidades colaboradoras neste proxecto “buscamos a valorización do contorno co obxectivo de que canto máis se coñeza, máis se respecte”, sinalan dende o goberno local. Este ano tamén queren formar parte da homenaxe a O Xestal, “unha persoa comprometida coa protección da nosa marisma de Baldaio, ademais de veciño da nosa parroquia de Lema. Realizaremos unha figura en madeira que esperamos teña presenza polos anos no noso litoral”, engaden.

A maioría das accións programadas requirirán de preinscrición. Os grupos serán moi reducidos debido á sensibilidade da contorna e ao uso sustentable que queren promover.