Ames e Santiago reviviron a andaina fundacional ata Ortoño do Seminario de Estudos Galegos

Cubriron como hai cen anos o treito da alameda á Casa de Rosalía

Asistiron os alcaldes, o conselleiro de Cultura, o secretario de Política Lingüística e o presidente da Real Academia

Grupo que camiñou dende a alameda compostelá na casa amesá de Ortoño onde viviu Rosalía / jesús prieto

Grupo que camiñou dende a alameda compostelá na casa amesá de Ortoño onde viviu Rosalía / jesús prieto / M. Manteiga

Veciños, persoeiros da cultura e políticos sumáronse á andaina ata a casa na que viviu Rosalía de Castro no castro amesán de Ortoño para conmemorar os cen anos do Seminario de Estudos Galegos. No evento déronse cita o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; os alcaldes de Ames e Santiago, Blas García a Goretti Sanmartín; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Deste xeito, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades lembraba a andaina dos membros do Seminario de Estudos Galegos que hai cen anos cubriron o treito que media entre o parque da alameda de Santiago ata Ortoño, lugar de infancia de Rosalía de Castro, e que recrea a xuntanza fundacional do colectivo galeguista.

O titular de Cultura do Goberno galego referiuse a esta institución como “determinante na construción da identidade galega” e destacou a importancia do encontro celebrado hai 100 anos por un grupo de intelectuais entre os que se atopaban Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena, Wenceslao Requejo, Lois Tobío e Alberto Vidán. “Isto representou o inicio do Seminario de Estudos Galegos, unha institución que supuxo un cambio no xeito de investigar, narrar e describir a historia de Galicia”, abondou o conselleiro.

“Daquel grupo foron parte nomes senlleiros do noso pensamento e foi a primeira estrutura de desenvolvemento cultural planificada en Galicia para desenvolver estudos galegos en exclusiva”, explicou Román Rodríguez, quen engadiu que “pese á súa corta existencia, o legado do Seminario de Estudos Galegos segue sendo excepcional e 100 anos despois continuamos sendo debedores dese espírito”.

A andaina deste xoves forma parte da programación con motivo desta efeméride. Trátase dun amplo abano de propostas cuxo acto central foi o celebrado onte e ao que a Xunta achega a exposición Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), comisariada por Ramón Villares e que se pode visitar no Museo Gaiás da Cidade da Cultura ata o 7 de xaneiro, ou a mostra As mulleres do Seminario de Estudos Galegos, xa inaugurada.

Unha vez que chegou a Ortoño, a comitiva participou nunha ofrenda floral diante do inmoble onde residiu a poetisa de cativa, a cargo dos rexedores de dous concellos que foron clave na súa vida. Posteriormente, celebrouse un xantar.