MEDIO AMBIENTE

Lixo árabe, turco, indio, alemán e inglés nun coído de Camariñas

Doce voluntarios de Mar de Fábula retiraron nunha mañá 16 sacos de residuos no litoral de Reira

A súa presidenta, Virginia Barros, sospeita que boa parte deses refugallos chegan á costa dende o Corredor Marítimo de Fisterra

Voluntarios de Mar de Fábula que recolleron lixo nos coídos de Reira, en Camariñas

Voluntarios de Mar de Fábula que recolleron lixo nos coídos de Reira, en Camariñas / Mar de Fábula

J. M. Ramos

"O mar estase a converter nun gran bazar internacional de lixo”. Así o denuncia a presidenta da asociación ambiental Mar de Fábula, Virginia Barros, logo dunha nova xornada de limpeza na que, nunha mañá, recolleron nos coídos de Reira, en Camariñas, lixo de orixe árabe, turco, indio, alemán, inglés e tamén español.

Unha situación que non é nova, nin moito menos unha excepción, senón que é un problema crónico. En Mar de Fábula sospeitan que “case todo o lixo retirado procede da actividade no Corredor Marítimo de Fisterra, que despois do estreito de Xibraltar, é o segundo punto con maior tráfico mariño de España”. Dito corredor consta de catro canais para a navegación, “estando o máis próximo á costa a 22 millas (40,7 km.)”, subliña.

Virginia Barros recoñece que “atallar este problema é archicomplicado”, xa que “é unha responsabilidade individual”. Considera que “a única maneira é o control e xestión nos propios buques dos seus residuos” como xa se fai en Noruega, e tamén que se faga cumprir a legalidade vixente, entre ela o anexo V do Convenio Marpol (Convenio internacional para previr a contaminación dos buques), “que prohíbe tirar a mares e océanos o lixo plástico”. Outra das demandas dos colectivos ambientais é que se faga efectiva a lei de devolución e reutilización dos envases.

Aínda que as estatísticas recollen que a orixe do 80% do lixo mariño procede de terra, e só o 20% do mar, en espazos como o que limparon o domingo “esta estatística non vale, xa que aquí a actividade pesqueira e marítimo é a predominante”, afirma a presidenta do colectivo.

Envase de loción antimosquistos turca, recogido en Camariñas

Envase de loción antimosquistos turca, recollido en Camariñas / Mar de Fábula

Entre a colleita de lixo que retiraron do coído de Reira figuran envases de xeado de vainilla alemán, matainsectos con inscricións en árabe, locións antimosquitos en turco, crema de afeitar rotulada en inglés e mesmo unha salsa Jalabi para postres indios, entre outros.

A maiores retiraron infinidade de anacos de porexpan, botellas de auga, envases de comida e bebida, anacos de caixas, botas de auga, aparellos de pesca, cabos de todos os tamaños, paus de bateas de mexillón, un bidón, plástico duro e brando de todos os tamaños e unha estacha de catorce metros de lonxitude.

Pero non todo é negativo, pois unha parte desa gran colleita de lixo será reutilizada por escolares nos obradoiros que Mar de Fábula imparte na súa aula de Camelle (Camariñas), e que serven para concienciar ás novas xeracións e, á súa vez, transformar en arte o refugallo que o mar devolve a terra porque non lle pertence.

Envase de insecticida con inscricións en árabe

Envase de insecticida con inscricións en árabe / Mar de Fábula

Ademais, o colectivo ambiental seguirá traballando na recollida de lixo no noso litoral. Así, se o tempo o permite, na vindeira fin de semana teñen previsto facer un novo chamamento ao voluntariado para participar noutra xornada de limpeza na costa de Arteixo, “localidade na que naceu a nosa asociación e onde temos moitos socios”, afirma Virginia Barros.

Na súa axenda tamén figura, aínda que sen data fixada, unha acción similar nun coído de Merexo (Muxía), onde “segundo nos informou un pescador deportivo, acumula moito lixo, e mesmo di que hai rodas e baterías”, afirma Barros. Non obstante, ao tratarse dun espazo de díficil acceso, “teremos que ver se é posible traballar alí con voluntarios”. Outro dos areais no que pretenden actuar é a praia de Traba, no municipio de Laxe, onde se acumulan moitos pélets e microplásticos, especialmente na zona norte.