OBRAS

O Concello do Son entregará a finais do verán a parcela para construír o colexio de Portosín

A Xunta investiu máis dun millóns de euros no municipio no ano 2023

Está proxectada a renovación da cuberta do instituto sonense

Belén do Campo e Luis Oujo no concello de Porto do Son

Belén do Campo e Luis Oujo no concello de Porto do Son / Xunta de Galicia

J. M. Ramos

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o Concello de Porto do Son para reunirse co seu alcalde, Luis Oujo, e repasar os proxectos que ten en marcha a Administración autonómica neste municipio.

Do Campo lembrou que, no 2023, a Xunta investiu máis dun millón de euros en Porto do Son a través das distintas liñas de axudas e realizou obras como as melloras do CEIP Santa Irene e do novo comedor do CEIP de Portosín, a renovación das carpinterías da casa do concello ou a posta en valor do lavadoiro na praia de Gafa e camiños de accesos, así como a construción dun muro nun noiro.

Entre os proxectos previstos figuran a substitución da cuberta do IES de Porto do Son e a creación dunha pasarela de acceso ao polideportivo. Belén do Campo destacou que esta obra supón un investimento de máis de 435.000 euros.

Avaliaron tamén o proxecto do novo CEIP de Portosín. O alcalde comprometeuse a entregar os terreos a finais do verán e a delegada trasladoulle o compromiso da Xunta de axilizar ao máximo os trámites para contar con este novo colexio o antes posible. Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Arquitectura Pedagóxica de Galicia para renovar as instalacións educativas.