O éxito da inmersión lingüística: 2.000 alumnos de Ames continúan a cumprir

Modo Galego, actívao, desenvolvido pola Real Academia Galega e o Concello, leva xa 11 días de seguimento nos colexios

A rapazada conta cun blog onde aprenden de referentes locais e levan tamén o idioma ás súas casas e tempo de lecer

Alumnos de Ames no momento de asinar o seu compromiso pola lingua

Alumnos de Ames no momento de asinar o seu compromiso pola lingua / Concello

O proxecto Modo galego, actívao! da Real Academia Galega e o Concello de Ames, coa participación da comunidade educativa maiá, está que se sae: despois de sus primeiros dez días de bagaxe (vaise alongar durante tres semanas), logrou que 2.000 alumnos non só empregaran a lingua galega nas aulas, patios e actividades extraescolares, senón na súa vida cotiá e na casa. E do éxito desta inmersión lingüística dan fe os datos de autoavaliación da rapazada e da propia app de seguimento que teñen a súa disposición.

“Estamos en contacto con todos os colexios de Infantil e Primaria, e tamén poñemos en marcha charlas nas escolas infantís, dirixidas ás familias e docentes. O resultado está a ser moi satisfactorio”, recoñecía Rosa Moreiras, técnica de Normalización Lingüística da concellería que dirixe o propio alcalde, Blas García. A iniciativa pretende explorar xeitos mellores de dinamizar a lingua galega entre as novas xeracións, poñendo a proba ideas novas, adaptando doutras xa existentes, e analizando sistematicamente os seus resultados.

Precisamente, entre as charlas destaca a do pasado 6 de maio, impartida por Manuel Núñez Singala ás educadoras e as familias da Escola Infantil Municipal A Madalena. Esta foi a primeira dunha serie de conferencias informativas impartidas polo escritor, divulgador e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. O día 7 estivo na Escola Infantil Municipal O Bosque, e o 15 de maio impartiu unha sesión aberta a todas as familias e profesionais da educación de Ames na casa da cultura de Bertamiráns.

Nestas tomas de contacto compartiu coas persoas asistentes unha intervención na que incidiu no aproveitamento das posibilidades dunha comunidade bilingüe inserida nun mundo multilingüe, prestándolle especial atención á especificidade do traballo con nenos e nenas que están aprendendo a falar.

Estratexias polo compromiso

O programa incluíu ademais estratexias para promover o compromiso lingüístico non só do alumnado e do profesorado, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos.

Este proxecto botou a andar no ano 2021, trala publicación do Mapa sociolingüístico escolar de Ames un fondo traballo de investigación que permitiu establecer o diagnóstico de partida. Dende aquela, baixo o paraugas do Modo galego, actívao! tiveron lugar moitas e diversas accións –actividades formativas e de divulgación, de dinamización lingüística, edición e publicación de materiais, entre outras– orientadas aos nenos, as familias e as e os profesionais da educación formal, pero tamén os da non formal. 

Outra das vantaxes do sitio modogalegoames.gal é a existencia dun blog que poden empregar os usuarios cada xornada. En concreto, na sesión número once deste xoves, baixo o lema exercitemos o galego foi a futbolista Antía Veiga, xogadora do Dépor e da Selección Española, a que servía de guía para amosar como a lingua de Castelao serve para comunicármonos en todos os eidos da vida, incluído por suposto o deportivo. 

E na xornada anterior, a décima, traballouse sobre a importancia do patrimonio e da cultura da man de Inés, compoñente das Maianas, e tamén o rapeiro Martín Represa, Big Meu, que gañou a Liga CeibaRimas 2023. Para os máis cativos, unha integrante de Mama Cabra aprendeulles a diferenciar as árbores.

Compromiso asinado

Segundo a normalizadora lingüística amesá, Rosa Moreiras, esta iniciativa inclúe “21 días de compromiso lingüístico que se inicia na aula, e logo asinan outro compromiso para seguir a empregar o galego en todos os ámbitos”, destaca. Do mesmo xeito, explica que “os propios rapaces se autoavalían cada xornada, e teñen un blog con recursos e propostas de actividades a súa disposición”.

Do mesmo xeito, apunta que “nas fines de semana implícase tamén á familia para levar este programa a casa, e no blog contan con referentes que van desde o doutor Carracedo ata as integrantes de grupos como As Maianas ou Tanxugueiras”.

 E o que tamén ten claro a organización é que o resultado final tivo no pasado ano tan bo acollemento que as institucións e centros participantes quixeron reeditalo este curso, mantendo aqueles aspectos que mellor funcionaron na pasada edición e introducindo novas ideas e melloras froito das primeiras avaliacións de resultados. A meta pasa por empregar a lingua de Rosalía o máximo posible e en todos os contextos, de xeito que se paralice o declive detectado no seu uso a medida que a mocidade medra.

Suscríbete para seguir leyendo