O Bloque reúnese coa veciñanza do Eixo para analizar o abastecemento de auga na zona

Sanmartín trasladará unha iniciativa pedindo as obras de conexión á traída municipal

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG. / ECG

Redacción

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, xunto con Xesús Domínguez e Pilar Lueiro, visitaron o núcleo da Veiga, na parroquia do Eixo, que carece de conexión á rede de abastecemento municipal de auga, como acontece noutros lugares do Concello de Santiago, co agravante de que queda sen subministración e sen garantías de potabilidade de auga especialmente cando secan os pozos por mor da estiaxe.

Nunha visita ao lugar, comprobaron a preocupación das persoas afectadas ante a pasividade do Goberno local, que elaborou un anteproxecto para conectar 200 vivendas á rede da traída de augas municipal e, co argumento de que custa dous millóns de euros e de que vai ligado ao novo contrato da auga, deixa sen conexión á ducia de vivendas que quedan sen auga e para as que cómpre unha solución urxente antes do verán.

Nese sentido, tendo en conta que o orzamento municipal está prorrogado e de que existen posibilidades de realizar unha modificación de crédito, de utilizar remanentes de tesouraría, pódese acometer de xeito prioritario unha primeira fase para ofrecer este servizo básico coa conexión á rede de abastecemento nesta ducia de fogares que carecen de auga no verán.

“Esta obra pode facerse independentemente da licitación do novo contrato da auga, pois este núcleo de poboación está entre 150 e 350 metros de distancia até onde chega a rede na actualidade, polo que é necesaria unha obra para facilitarlles o enganche á auga da traída municipal”, explicou Goretti Sanmartín. Ademais das vivendas, tamén están afectados negocios alí instalados.