CA, satisfeita ao anularse un tramo da senda peonil que afectaba á Colexiata de Sar

Colexiata de Sar

Colexiata de Sar / ECG

Compostela Aberta criticou onte a resposta que recibiu da Xunta de Galicia ás alegación que a formación local presentou ao proxecto da senda ciclista do Milladoiro, asumindo a necesidade de anular o tramo que discorría pola contorna da Colexiata de Sar. Esta era unha das demandas de CA, que rexeitaba que o itinerario afectara a espazos de gran valor natural, paisaxístico e cultural. Diante, disto, o Goberno galego sinala que no trazado se aproveitará “o viario existente que discorre paralelo á vía do ferrocarril entre a rúa de Clara Campoamor e a rúa de Sar, tal e como se solicita na alegación”.

A portavoz municipal de Compostela Aberta, María Rozas, mostrou a súa satisfacción “porque a Xunta recúe e asuma a petición de CA, que tamén era a demanda doutros colectivos e entidades como Espazo Veciñal de Sar”. Ao tempo, lamentou que o Goberno galego non fora receptivo diante doutras demandas formuladas nas alegacións, referidas ao contorno do Banquete de Conxo ou ás afeccións da senda en zonas de risco de inundación sinaladas polo Ministerio de Transición Ecolóxica.

Dende a Xunta sinalaron onte que polo momento só deron resposta ás alegacións que CA presentou sobre o tramo da senda Estación Intermodal-San Caetano, e que quedan pendentes de responstar as referidas ao traxecto entre o Milladoiro e a intermodal.

TEMAS