O BNG pide coordinación entre prazos para matrículas e comedores escolares

Goretti Sanmartín, portavoz do BNG en Santiago

Goretti Sanmartín, portavoz do BNG en Santiago / ecg

ecg

Ante as queixas recibidas pola falta de coordinación nos prazos de solicitudes de bolsas de comedores escolares e de matrícula nos centros de ensino, a portavoz municipal Goretti Sanmartín urxe “un cambio de rumbo na política educativa para facilitarlles ás familias os trámites e os prazos das convocatorias”. Esta situación ocasiona que as familias teñen aberto o prazo para solicitar comedor escolar “mais aínda non teñen asignadas as prazas por unha falta de planificación do Goberno local”. “Esta é unha evidencia do mal funcionamento da política social do PSOE que, logo de reclamar que axilizase o prazo da convocatoria de comedores escolares con respecto a anos anteriores en que se publicaban moi tarde, adiántao tanto que nin sequera se coordina cos prazos de solicitude de matrícula, de maneira que hai milleiros de familias afectadas por non saber en que centro cursar a solicitude, pois non puideron solicitar a bolsa por canto nese momento aínda non tiña feita a reserva de praza en ningún centro”, indicou.

En canto aos prazos, do 1 ao 20 de marzo é o prazo de solicitude de matrícula para os centros de ensino de infantil e primaria, cando o das bolsas de comedores foi do 23 de febreiro ao 9 de marzo para o curso 2023-2024.