Rozas quere garantir a mobilidade das persoas con discapacidade

Na súa visita xunto a Marta Lois á asociación Sarela, a candidata de Compostela Aberta recolleu algunhas demandas do colectivo

Usuarios de Sarela durante a visita de María Rozas e Marta Lois.

Usuarios de Sarela durante a visita de María Rozas e Marta Lois. / k.m.

“Adoptar as medidas que sexan necesarias para garantir o dereito á mobilidade das persoas con discapacidade, porque iso supón facilitar a súa autonomía”, ese foi o compromiso que expresou a candidata de Compostela Aberta á Alcaldía da capital galega, María Rozas, durante a súa visita á sede da Asociación de Dano Cerebral Sarela.

Nun encontro no que estivo acompañada pola concelleira Marta Lois, lamentou que “a precaria situación da flota de autobuses e a falta de taxis adaptados supoñen aínda máis trabas para o desenvolvemento e a inclusión destas persoas e incrementan notablemente as dificultades ás que se enfrontan as súas familias no seu día a día”. Ambas políticas falaron cos usuarios de Sarela e reunironse tamén coa súa vicepresidenta, Concha Otero; o seu secretario, Luciano Fernández, e a directora do centro compostelán, Rocío García.

Todos eles salientaron como unha das súas principais preocupacións o problema da mobilidade, xa que “se a situación en Santiago é lamentable para o conxunto da cidadanía, o é máis para un colectivo con necesidades especiais como o das persoas con dano cerebral adquirido”. Unha queixa ante a que María Rozas lembrou que a flota de autobuses ten “vehículos que non están adaptados para as persoas con mobilidade reducida porque ou ben non teñen rampas de acceso ou ben non funcionan de xeito correcto”. E engadiu o problema da falta de taxis adaptados, “absolutamente insuficientes para cubrir a demanda que existe”.

Tras sinalar que das 147 licenzas de taxi na capital galega, só sete son para eurotaxis e únicamente cinco están dispoñibles, considerou urxente “impulsar medidas para fomentar a implantación de máis eurotaxis, tales como axudas para a adquisición destes vehículos como os que funcionan noutras cidades galegas”, e apuntou a posibilidade de estudar a creación de novas licenzas coa obrigatoriedade de que sexan adaptadas, sobre todo tendo en conta que “recibíronse moitas queixas pola ausencia de taxis nas paradas, e a falta de vehículos dispoñibles é a realidade á que se enfrontan cada día as persoas con mobilidade reducida”.

Desde Sarela trasladóuselle a necesidade de incrementar o control do uso fraudulento de espazos de estacionamento reservados para persoas con mobilidade reducida e que haxa unha tarxeta de estacionamento provisional para persoas con dano cerebral adquirido mentres non teñan recoñecida a súa discapacidade, “un proceso que pode demorarse máis dun ano, e que supón unha enorme dificultade para que estas persoas poidan acceder a outros servizos e axudas”.

María Rozas recolleu a demanda de que o concello se comprometa “para garantir a pronta atención a este colectivo nos servizos sociais municipais da cidade, así como a promover campañas de sensibilización e a impulsar medidas para avanzar na integración laboral, “non só a través de cláusulas sociais para garantir a contratación coas empresas integradoras, senón tamén nos procesos de contratación de persoal que sexan impulsados desde a propia administración municipal”, e recoñeceu que “é preciso seguir dando pasos para a inclusión de persoas con diferentes discapacidades, non só físicas senón tamén intelectuais e cognitivas”.