Bugallo aposta por destinar o 50 % do recadado pola taxa turística a políticas de rehabilitación e vivenda na zona vella

O estudo elaborado pola USC para o Concello de Santiago estima un ingreso de 2.625.000 euros se se implementa este imposto na cidade

Imaxe da Porta do Camiño no casco histórico de Compostela

Imaxe da Porta do Camiño no casco histórico de Compostela / Esteban Delaiglesia

Coa nova Lei de Vivenda no centro do debate político, o alcalde de Santiago e candidato a reelección nas eleccións municipais do 28 de maio indicou que o 50 % do recadado coa posta en marcha da taxa turística destinaríase a políticas de rehabilitación e vivenda, “poñendo o foco no casco histórico para facilitar a fixación de poboación”. É unha das propostas electorais de Xosé Sánchez Bugallo, que tendo en conta que no estudo elaborado pola Universidade de Santiago (USC) para o Concello estímase un ingreso aproximado de 2.625.000 euros, suporía máis de 1.300.000 € dirixidos a programas de axudas e impulso a recuperación dos edificios da zona vella. Con todo, para implementar unha taxa deste tipo é necesario que o Parlamento de Galicia autorice aos municipios aplicar este imposto. Co informe da USC xa enriba da mesa, a intención do actual goberno local é presentar canto antes a proposta en San Caetano. 

O alcalde explicou que con esta partida reforzaríase o papel do Consorcio, que “nos últimos anos viu reducido o seu poder de intervención neste sentido, motivado polo escaso compromiso da Xunta de Galicia en materia de financiación”. “Temos que requirir a todas as administracións que se impliquen, e nós os primeiros”, recalcou. O informe elaborado pola USC tamén precisa a cuantía económica da taxa, que tamén abarcaría os aloxamentos en pisos turísticos, e oscilaría entre os 0,5 euros de mínima e os 2,5 € de máxima por día, cun límite de seis xornadas.

Ademais de subliñar a importancia de aplicar unha taxa turística en Compostela, Sánchez Bugallo tamén incidiu no debate organizado polo Ateneo o importante papel que tivo a zona monumental nos seus anteriores mandatos. “Traballamos para preservar ese carácter vivo e habitado, conseguindo servizos, como foi o Centro de Saúde, e creando aparcadoiros en toda a periferia da cidade histórica”, destacou o rexedor compostelán, antes de lembrar que cando comezou o actual periodo de goberno, “as asociacións veciñais esixían fibra óptica no casco histórico, a peonalización de Mazarelos e un Centro Sociocultural”, tres cuestións, dixo Sánchez Bugallo, que “xa están feitas”, ao igual, engadiu, que a retirada da compactadora de Fonseca, “outra vella demanda que cumpriu este goberno creando un novo sistema de recollida de lixo incluíndo a separación por franxas na zona vella”.

Cara ao futuro, na lista de prioridades para o candidato socialista destaca “a actualización do Plan Especial da Cidade Histórica para dotalo cun marco lexislativo novo”, co obxectivo, dixo, de “poñer as cousas máis fáciles a quen quere recuperar un inmoble e quere vivir no centro histórico de Compostela” explicou o alcalde, que insistiu ademais en que esa revisión debe estar encamiñada a preservar como uso principal o residencial. “Nós, claramente, apostamos por unha cidade histórica habitable e habitada, con servizos, con veciñas e veciños que atopen na zona vella unha cidade con vida”, defende o alcalde.