A USC confía en poder transferir á industria nuns meses proxectos de investigación contra a covid

O Cimus acolleu onte a presentación de oito traballos que contaron co apoio económico da Axencia Galega de Innovación // Poderán servir de base para novas estratexias terapéuticas destinadas a outras patoloxías

Patricia Argerey e Vicente Pérez na inauguración da xornada de presentación de proxectos relacionados coa covid / |  S.ALVITE

Patricia Argerey e Vicente Pérez na inauguración da xornada de presentación de proxectos relacionados coa covid / | S.ALVITE / lorena rey

O Cimus (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC) acolleu onte a presentación de resultados dos oito proxectos de investigación da institución académica relacionados coa covid-19 que recibiron financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e que tiñan o obxectivo compartido de frear o avance da pandemia, dende distintos enfoques, desenvolvendo ferramentas de potencial uso fronte a outras patoloxías.

A xornada foi presentada polo vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, que estivo acompañado de Patricia Argerey, directora de GAIN. Muñuzuri amosou a súa confianza en que nos vindeiros meses algúns dos resultados presentados sexan transferidos á industria. O vicereitor mostrou a súa satisfación polo logrado durante os anos de pandemia. “Como Universidade debemos estar orgullosos porque sacamos peito para continuar coa docencia e coas investigacións e así poñer o gran de area para apoiar proxectos relacionados coa covid”, manifestou. Na presentación tamén aproveitou para destacar a importancia da investigación fundamental.

Pola súa banda, Argerey asegurou que “é un compromiso coa sociedade o transmitir resultados e o impacto que xera o investimento na ciencia” ao considerar que “a ciencia e a innovación impactan directamente na vida das persoas”. Na súa intervención, a directora de GAIN agradeceu o traballo dos investigadores calificando de “excelentes” os centros de investigación da USC e destacou que a pandemia foi “unha oportunidade para poñer en valor a importancia da ciencia”. O conseguido nun ano e medio valora que foi froito “dun esforzo colectivo” do que agora se recollen “algúns froitos”. Incidindo en que a investigación “non sempre vai tan rápido” aseverou que “o coñecemento e a ciencia sempre avanzan”.

Proxectos que aspiran a ter unha continuidade

Baixo a coordinación do investigador do CiMUS, José A. Costoya, o proxecto ‘COVTES: proba rápida para a detección precoz de SARS-CoV-2 baseada en inmunocromatografía’ centrouse no desenvolvemento dunha proba para detectar antíxenos virais nunha mostra nasal, nasofarínxea ou de saliva a través da súa detección específica mediante un ensaio de inmunocromatografía baseado en nanoanticorpos. “A base da proba é sinxela, o que garantiría o seu baixo custo e unha fácil escalabilidade industrial”, explicou Costoya, quen leva anos traballando xunto co Grupo de Física de Coloides e Polímeros en sensores aplicados ao diagnóstico e tratamento de enfermidades. O proxecto logrou desenvolver un prototipo de test de antíxenos cun dispositivo de lectura para poder “interpretar” os resultados a través dunha aplicación para teléfonos móbiles.

O proxecto de Eduardo Fernández Megía, baixo o título de ‘Ferramentas polivalentes para diagnóstico temperán e terapia antiviral Covid-19’ acometeu o desenvolvemento de métodos áxiles que complementasen a proba PCR, “a cal, malia a súa elevada sensibilidade, é unha técnica lenta, custosa e que require de grandes equipos e un laboratorio de microbioloxía”, explicou o investigador do Ciqus. Os Affidendrons son unha potente plataforma para a rápida e selectiva identificación de patóxenos. Estruturalmente incorporan varias unidades dunhas pequenas proteínas de recoñecemento, denominadas Affitinas, ao redor dunha nanoestructura de polímero ramificado que se chama dendrímero. “Estas características, unidas á elevada especificidade de Affitinas, menor tamaño que anticorpos, maior estabilidade e facilidade de produción a gran escala, fai dos Affidendrons unha ferramenta interesante para a creación de métodos de detección de antíxeno”, explicou Megía.

O desenvolvemento dunha vacina recombinante baseada en péptidos multiepitopos contra o SARS-CoV-2 foi o eixo do proxecto coordinado por José Manuel Leiro Vidal do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS). A vantaxe desta vacina é a súa seguridade, xa que é teoricamente inocua, “debido a que carece de toda posibilidade de infectividade e tampouco presenta ningún material xenético que puidese producir calquera fenómeno de interferencia con xenes celulares humanos, como é o caso das vacinas xenéticas baseadas na inmunización con ARN”, sinalou o investigador principal do proxecto ‘Deseño e síntese de proteínas recombinantes superficiais quiméricas do virus SARS-CoV-2 para a produción dunha vacina en fermentos’.

O proxecto liderado pola investigadora do Ciqus, Concepción González Bello, estudou a nivel molecular como se produciría a “desactivación” da resposta inmune utilizando ferramentas computacionais e biotecnolóxicas. Os fármacos contra a malaria, cloroquina e hidroxicloroquina, son aminoquinolinas que poderían ser eficaces fronte ao virus da covid. Nesta liña, o equipo investigador analizou o potencial doutras aminoquinolinas, estruturalmente análogas ás anteriores. A vantaxe destes novos “axentes antivirais” é a súa potencia, “o que axudaría a reducir, en gran medida, os posibles efectos adversos por utilizarse en doses máis reducidas”, sinalou González Bello, investigadora principal do proxecto ‘Novos axentes antivirais baseados en aminoquinolinas para o tratamento da pandemia actual por SARS-CoV-2’.

Baixo a dirección da investigadora do CiMUS María José Alonso, o proxecto ‘Desenvolvemento de nanoterapias para a prevención e tratamento de covid-19’ aborda o desenvolvemento de nanoterapias para a prevención e tratamento do coronavirus. A vantaxe desta innovadora terapia, composta por vehículos nanométricos que portan distintos principios activos, defínese pola súa administración intranasal, a súa capacidade de dirixirse ao sistema inmune e a natureza dos seus compostos bioactivos. “Nos planteábamos llegar a la clínica pero no sabíamos si ir como medicamento o producto sanitario”, comentó. Finalmente optaron por producto sanitario (clase III).

O profesor da Facultade de Ciencias, Wajih Al-Soufi, lidera o proxecto ‘Detección rápida e automatizable para SARS-Cov-2 baseada en PCR, nanotecnoloxía e microfluídica’ (Nanofluidetec) que naceu para acadar un sistema de detección do virus baseado en técnicas moleculares e integrando a nanotecnoloxía e microfluídica coa automatización e potencial conectividade para a súa comunicación. O proxecto centrouse nun dispositivo eficaz, compatible con métodos de diagnóstico de baixo custo e flexible para aumentar a capacidade de resposta diagnóstica en futuras pandemias ou enfermidades comúns. Nanofluidetec buscou así mellorar os actuais sistemas de detección baseados en PCR, tanto en rapidez, como en fiabilidade e complexidade técnica. O dispositivo final estaría pensado para o seu uso en centros de atención primaria, asistenciais ou residencias.

O obxectivo xeral de ‘Sistema de desinfección intelixente para o control da propagación aérea de Covid-19’ é o deseño, desenvolvemento e validación dunha solución tecnolóxica que permita diminuír a incidencia de infeccións causadas polo Sars-CoV-2 que se transmiten por vía aérea. Para iso o equipo liderado por Justo Arines,profesor da área de Optometría, centrouse na creación dun sistema integral de desinfección intelixente do aire que circula polos condutos de ventilación mediante o uso de radiación ultravioleta C, combinando tecnoloxías fotónicas, IoT e IA. “O obxectivo deste sistema é aplicar estratexias de prevención e mitigación de maneira activa, actuando dinamicamente e en tempo real sobre os sistemas de radiación a partir dos datos recibidos de sensores e outras fontes de información”, destacou.

Finalmente, Francisco Javier Sardina López do Ciqus é o responsable do proxecto ‘Análise e desenvolvemento de Solucións diagnósticas e terapéuticas de segunda xeración fronte a SARS-CoV-2 mediante a combinación de tecnoloxías biomoleculares e dixitais (BioTICfinder)’. O proxecto acometeu o desenvolvemento de novas solucións diagnósticas e terapéuticas mediante a incorporación multidisciplinar de diversas tecnoloxías, dixitais, moleculares e bioquímicas para “xerar ferramentas de segunda xeración á hora de combater a pandemia”.

Os oito proxectos presentados foron apoiados pola convocatoria de rescate de proxectos presentados ao Instituto de Salud Carlos III, pero que non obtiveron financiamento deste, e o programa Conecta COVID, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Agora, a aqueles que poidan ter continuidade, Muñuzuri abrélles a man para seguir adiante. “Hai moitas convocatorias abertas, que en ocasións os investigadores descoñecen, polo que anímovos a que contactedes coa USC”. Esas foron as palabras coas que concluíu a xornada de presentación de resultados no Cimus.