Raxoi aprobará este martes o proxecto de execución para a reurbanización do Campus Sur

As obras centraranse na Avenida da Coruña co fin de mellorar a conectividade entre a Alameda e a residencia de estudantes

Alumnado universitario camiñando polo Campus Sur da capital galega. / jesús prieto

Alumnado universitario camiñando polo Campus Sur da capital galega. / jesús prieto / l.rey

O proxecto de execución Recuperación do Campus Sur para o cidadán será aprobado este martes, 2 de maio, en xunta de goberno ordinaria. Trátase dunha actuación que busca mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona, aumentar os espazos peonís e reorganizar o acceso de vehículos.

Cun investimento total de 352.600 euros e un prazo de execución de catro meses, o Concello peonalizará a zona central do Campus Sur, poñendo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa. Tamén se reordenarán os xardíns e zonas verdes, nunha actuación que pretende impulsar este espazo para o ocio e o lecer da propia veciñanza.

O ámbito de actuación céntrase na zona denominada Conxunto da Residencia Universitaria, espazo especialmente protexido, incluído dentro do Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos. Un espazo que, situado na entrada da cidade histórica, é nexo entre a Alameda e a residencia universitaria.

As principais actuacións implicarán a peonalización da zona central da residencia, a reordenación de usos con preferencia para percorridos peonís, reurbanización con novos materiais acordes ao especial interese patrimonial do entorno e renovación de xardíns e especies vexetais. Todo isto adaptando tamén o espazo público para lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial.

Con estas premisas, a Avenida da Coruña mudará o seu carácter habitual ao transformarse en parte nunha plataforma compartida coa intención de propiciar esa continuidade entre a Alameda e a residencia de estudantes. O pavimento de formigón no primeiro tramo entre a Alameda e o propio estanque deixa paso a unha superficie vexetal. No caso das beirarrúas de baldosa, manteranse con reposicións puntuais de elementos rotos e no caso do formigón da calzada, utilizarase como base de novos pavimentos de formigón lavado e das zonas vexetais, con perforacións puntuais para permitir o drenaxe.

Ademais, realizarase unha renovación completa das instalacións soterradas de alumeado nas zonas nas que se renovan pavimentos.

Trátase dunha operación que está vinculada á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (Edusi - Revive Compostela), e a maiores encádrase dentro do Vector Estrátexico CP “Compostela Patrimonial”, na Liña de Actuación nº 8: “Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural”.