Borja Verea asegura que o primeiro decreto que asinará como alcalde será o derrubo da Casa da Xuventude

O candidato lémbralle aos santiagueses que o domingo 28 de maio haberá un referendum no que “só o voto ao PP suporá a demolición desta infraestrutura”

Presentación do proxecto do derrube da Casa da Xuventude

Presentación do proxecto do derrube da Casa da Xuventude

Redacción

O candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, Borja Verea, reiterou hoxe a súa promesa de derrubar a Casa da Xuventude se o vindeiro 28 de maio consegue a confianza dos veciños de Santiago. O popular destacou que Compostela non se pode permitir ter agochado detrás dun “mamotreto” un dos espazos verdes máis fermosos da cidade, como é o parque de Belvís.

A demolición deste inmoble é unha dos primeiros compromisos que adquiriu o parlamentario popular desde que iniciou o seu camiño cara á Alcaldía da capital de Galicia, e será o primeiro decreto que asine o 17 de xuño tras tomar posesión como alcalde. Así esta actuación executarase este mesmo ano 2023 e que suporá dinamizar a Praza do Matadoiro e permitirá a conexión do parque co Casco Histórico, a través dunha ambiciosa rehabilitación de toda a contorna.

Borja Verea subliña que a desaparición da Casa da Xuventude será unha oportunidade para pór en valor os restos patrimoniais da praza e para actualizar o concepto de espazos pechados ás necesidades do século XXI. Por elo, o popular lémbralle aos santiagueses que o domingo 28 haberá un referendum no que “só o voto ao PP suporá a demolición desta infraestrutura”.

“Os composteláns teñen unha oportunidade única para decidir se apostan polo meu proxecto de derrubar a Casa da Xuventude, xa neste mesmo ano, e humanizar a Praza do Matadoiro abríndoa a Belvís, ou se pola contra prefiren a proposta do resto das forzas políticas de mantela”, subliñou.

Grazas ao proxecto popular, esta praza converterase nun “novo espazo comunitario, verde e dinámico, un punto de encontro social e exemplo dunha cidade moderna e alegre”.

Verea destacou que esta decisión está amparada non só pola necesidade de eliminar este ‘adefesio’ do Casco Histórico compostelán, “senón porque, tras anos de abandono, se atopa nun estado insalubre, deteriorado e degradado; polo que hoxe resulta máis custoso arranxalo, cunha inversión de 2 millóns de euros, que derribala, que suporía a mobilización de 200.000 euros, 10 veces menos”.

Así mesmo, o popular incidiu en que a veciñanza non pode esquecer que o Goberno socialista, a pouco máis dun mes para as eleccións, “regalou por 25 anos" este inmoble municipal propiedade dos composteláns á Deputación da Coruña, só co apoio de 9 concelleiros dos 25 que forman a corporación santiaguesa. Así, Verea reiterou o seu compromiso de anular a cesión á Deputación da Casa da Xuventude que os socialistas perpetraron nun Pleno da Deputación.

Borja Verea denuncia que “levamos catro anos sufrindo decisións unilaterais dunha corporación que non termina de asumir que goberna en minoría e que utiliza o Concello a modo de cortixo”

Finalmente destacou que “o derrubo da Casa da Xuventude encaixa perfectamente no noso proxecto de cidade, que pasa por unha Compostela máis amable, máis familiar e máis humana, e lembra que as necesidades da xente non son as mesmas hoxe que hai trinta ou cincuenta anos”, sinalou.