Síguenos en redes sociales:

Bugallo aposta por coser a cidade e activar a vivenda para impulsar o "Gran Santiago"

O candidato do PSOE propón a “transformación” da capital galega a través dun “modelo de xestión familiar e amable” para todos os cidadáns e que “integre os barrios e o rural”

Bugallo aposta por coser a cidade e activar a vivenda para impulsar o "Gran Santiago"

O alcalde de Santiago e candidato á reelección polo PSdeG o vindeiro 28-M aposta pola “transformación” da capital galega no Gran Santiago. Con esta intención, Xosé Sánchez Bugallo explicou onte que ese “salto” pivotará sobre cinco eixos. “Coser os barrios, rehabilitar e impulsar nova vivenda, mudar a mobilidade, procurar alternativas para os maiores e ofrecer ás novas xeracións programas de formación no estranxeiro”, enumerou. Trátase, engadiu, dun “modelo de cidade das familias, das persoas, amable e compacta, procurando unha Compostela que integre os barrios e o rural” e que “reivindique o seu lugar como capital de Galicia”.

Así mesmo, sinalou que para conseguir unha Compostela compacta “é preciso coser as barreiras que noutro momento permitiron crecer a cidade”. “E agora é fundamental crear o Espazo Antón Fraguas en Conxo para salvar a SC-20, converter o Restollal nunha gran avenida urbana conectando o Castiñeiriño e facer o propio en Pontepedriña con Amor Ruibal. En definitiva, unha integración que xa comezamos con Clara Campoamor e a rúa do Hórreo fronte a nova Intermodal e que terá continuidade coa transformación de Romero Donallo nun bulevar que, seguindo o modelo das Ramblas, unirá de xeito peonil o Castiñeiriño, Pontepedriña, Conxo e Santa Marta co Ensanche”, afirmou Bugallo.

Ademais, co foco posto en favorecer os desprazamentos a pé, o alcalde propón conexións mecanizadas entre Belvís e Virxe da Cerca, mellorando así a accesibiliade do aparcadoiro coa Praza de Abastos. Tamén na zona da Pastoriza a solución sería semellante para salvar a diferenza de cota. En materia de mobilidade, aposta polos desprazamentos peonís no centroe transporte a demanda para o rural con dous microbuses. “Ningún núcleo de Santiago vai quedar sen sistema de transporte público”, sinalou o candidato socialista, quen tamén contempla habilitar outro sistema de transporte a demanda dentro do casco histórico para a poboación máis envellecida.

Incidiu, ademais, que o novo contrato de transporte implicará a renovación de toda a flota de autobuses, incrementando o número de vehículos ata 58, reorganizando liñas e ampliando frecuencias.

En materia de vivenda, o candidato socialista indicou que Santiago “ten que crecer” e para iso, dixo, “impulsarán “o Ensanche norte con catro novos polígonos de vivenda comezando por A Pulleira, e seguindo con Amio, Cancelas e Mallou”. Bugallo cifra en 10.100 as novas vivendas nun programa a 12 anos e que se construirían co desenvolvemento destes novos polígonos residenciais: un total de 130 hectáreas das que 40 serán para espazos verdes.

O líder do PSdeG na capital galega recalcou que outros dos eixos para o Gran Santiago é o coidado integral a todas as idades, “ofrecendo facilidades de conciliación ás novas familias e tamén servizos de calidade as persoas maiores”. Neste sentido, propón a creación de vivendas colaborativas seguindo o modelo do “cohousing”. “Crearemos un edificio, que pode ser de titularidade compartida, no que cada persoa disporá do seu propio espazo, pero cunha serie de servizos comúns compartidos como ximnasio, salón de usos múltiples, comedor e lavandaría”, apuntou. Este bloque de apartamentos podería instalarse na zona do Castiñeiriño, onde o Concello dispón de varias parcelas válidas para esta finalidade. O candidato socialista tamén aposta pola creación da Casa dos Maiores no Ensanche, no antigo local da Tesourería da Seguridade Social, en San Pedro de Mezonzo.

Te puede interesar:

87 licencias concedidas para a instalación de novas empresas

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou onte, xunto ao segundo tenente de alcalde, Sindo Guinarte, no pleno da Cámara de Comercio que se celebrou na sede de de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN). O candidato socialista destacou o avance na reindustrialización do Concello con 87 licencias concedidas durante o actual mandato para a instalación de novas empresas na capital galega.

Pulsa para ver más contenido para ti