Entrevista | Borja Verea Candidato do PPdeG á Alcaldía de Santiago

“Quero atraer votantes que non son os tradicionais do PP, é o único camiño”

{Santiago, 1980} As enquisas colócano como gañador o próximo 28-M pero sen a maioría suficiente para gobernar en solitario e sen opcións de pactar. El asegura que quedan uns días decisivos para convencer os composteláns de que hai dúas opcións: unha candidatura con “ganas, ideas e ambicións” fronte a outra “do pasado” en forma de tripartito

O candidato do Partido Popular, Borja Verea, no Monte Pedroso /antonio hernández

O candidato do Partido Popular, Borja Verea, no Monte Pedroso /antonio hernández / natalia sequeiro

Borja Verea chega á política municipal dende a autonómica. Deputado no Pazo do Hórreo, amósase convencido de que a “responsabilidade pública máis importante é ser alcalde de Santiago”. Nos últimos meses percorreu Compostela para coñecer as demandas das asociacións veciñais e sectoriais e estes días protagoniza unha campaña a pé de rúa para darse a coñecer entre aqueles cidadáns cos que aínda non falara. Asegura sentirse cómodo na nova pel de candidato e escolle dous momentos como os mellores destes días: a entrevista para EL CORREO GALLEGO que lle permitiu reunirse cos amigos para tocar un pouco de rock and roll e cando decidiu dar “un durum” por Santiago despois de que un coche da campaña levase por diante o cartel dun local de kebabs.

É a súa primeira campaña como candidato, que tal a experiencia?

Moi contentos coa reacción da xente. Estamos vendo nas enquisas que cada día imos medrando, cada día imos a máis. O obxectivo da campaña é ir trasladando o proxecto para a cidade, cando vemos que iso ten boa recepción, fai retroalimentación e cada día temos máis enerxía.

As enquisas non lle dan a maioría suficiente para gobernar, se non chega á Alcaldía arrepentirase de deixar a política autonómica?

O que din as enquisas é que vou gañar as eleccións e ademais con moitísima diferenza con respecto aos demais. Quedan uns días para convencer a xente de que hai dúas opcións: un goberno de futuro, con ganas, con ideas, con ambición e despois outra candidatura que é a candidatura do pasado, sen ganas, sen ideas, cansos e ademais agora en forma de tripartito. Serán os veciños os que decidan onde teño que estar. En ningún caso me vou arrepentir porque é unha decisión que tomei con todo o convencemento. Para min non hai responsabilidade pública máis importante que ser alcalde de Santiago.

Será unha aposta a longo prazo entón?

Teño o convencemento de que vai ser agora, que a partir da semana que vén vou a estar xa gobernando a cidade. En todo o caso, como digo, son os cidadáns os que teñen que decidir onde vou a estar. Onde eles decidan, estarei.

Durante a campaña fixo propostas que non parecían as típicas do PP, como unha semana da lingua portuguesa, por exemplo. Buscaba gañar os votantes da esquerda?

Non. Todo o que estou propoñendo nesta campaña, todo o que vai ao meu programa é como eu entendo a cidade, a Compostela do século XXI. É certo que para conseguir unha gran maioría non chega unicamente cos votantes tradicionais do Partido Popular, senón que para conseguir esa maioría suficiente de goberno tes que conseguir que confíe en tí xente que habitualmente non vota o Partido Popular.

Tamén lle pediu o voto aos que apoiaron a Bugallo nas anteriores locais.

Diríxome directamente a eses votantes do Partido Socialista de Sánchez Bugallo de hai catro anos que están agora decepcionados e que o que queren é un goberno de futuro e sólido, con ideas e con medidas concretas, que son as que eu estou poñendo sobre a mesa ao longo destas semanas.

Se necesitase a Vox, cambiaría algo o discurso do PP compostelán?

Non é unha hipótese coa que eu traballe. Eu estou moi concentrado en trasladar o meu proxecto de cidade transversal, que vai máis alá do propio Partido Popular e que quero que sexa un proxecto que poida atraer moitos votantes que non son os tradicionais do PP. É o unico camiño para conseguir unha gran maioría.

E que opinión lle merece que o seu partido pacte con Vox noutros territorios?

Eu teño claro que o voto útil, o voto de centro-dereita, é o voto ao Partido Popular. Estou concentrado en ser alcalde de Santiago. No meu escenario, no meu contexto, teño claro que Vox non é unha hipótese.

A súa proposta do Paseo de Galicia foi unha das máis criticadas da campaña. O resto de partidos aseguran que é inviable porque a antiga muralla segue soterrada na Virxe da Cerca. Pediu algún estudo técnico antes de presentala?

O Paseo de Galicia é un proxecto técnica e economicamente viable. Simplemente hai que ver o que están facendo noutras cidades. Non hai que ir moi lonxe. Na Coruña, por exemplo, fíxose tamén con catas arqueolóxicas, cunha muralla, un grande esforzo de peatonalización e soterrouse o tráfico. Foi unha obra moito máis complexa da que estou formulando aquí en Santiago. En Vigo agora mesmo están soterrando a Porta do Sol en pleno casco histórico, e tamén cunha muralla. Polo tanto, o que falta é ambición. Podo entender que ás outras forzas políticas non lles guste o proxecto, que aposten por outro tipo de medidas, pero non se sostén que digan que é irrealizable.

E que pasaría se aparecen os restos da muralla?

Se aparece calquera resto arqueolóxico, habería que catalogalo e poñelo a disposición da xente. Mellor que estea a disposición da xente a que siga outros mil anos soterrado debaixo dunha estrada.

Se chega a ser alcalde como cambiaría a regulación aprobada polo Concello en materia de vivendas de uso turístico?

Non estamos de acordo coa regulación actual. O que se está trasladando e que unicamente poden ser vivendas de uso turístico as primeiras plantas. Isto está xerando unha onda especulativa sobre estas primeiras plantas, que hoxe teñen máis valor que hai un mes. A posibilidade de que durante dous meses en toda a cidade poidan implantarse as vivendas de uso turístico é unha auténtica aberración. Nós cremos noutro modelo, que é un modelo por saturación, tanto en rúas como en edificios. Habería que chegar a esa porcentaxe negociada, consensuada, cos axentes socio-económicos.

E cando se establecería que unha zona está saturada?

Habería que analizala. Nós entendemos que a riqueza que xeran as vivendas de uso turístico temos que canalizala para facilitar a rehabilitación e o valor residencial do noso casco histórico. Por tanto, se ti de catro vivendas, unha é de uso turístico, esa vivenda debe poñer en valor residencial as outras tres. A outra opción é seguir igual que como estamos agora, que caian os edificios.

Entón, a consecución dunha licenza estaría condicionada a que rehabiliten outras casas?

Pois podería ser por suposto unha opción, pero como digo, a regulación iría baseada nestes dous principios, saturación por rúas e por edificios, e posta en valor de toda esta riqueza para ser valor residencial.

Tampouco lle gusta a idea de encarecer o IBI para forzar os donos de vivenda baleira a destinalas ao alugueiro. Por que?

Queren gravar o propietario, o noso proxecto é outro. É o bono vivenda. O propio Concello alugaría directamente estas vivendas a aqueles propietarios que quixesen poñela en disposición desta bolsa municipal. Moitos deles non poñen no mercado as súas vivendas por un problema de seguridade. Teñen medo de que os inquilinos non lles paguen. E nós faríamos de intermediarios a través do Concello, dando esa seguridade.

Unha das medidas coa que si se amosou a favor é a implantación da taxa turística. Falta que a Xunta regule para que poida implantarse. Que vai facer para convencer a Alfonso Rueda?

Ese convencemento por parte da administración autonómica, ese paso, xa está dado.

Ata o momento de forma oficial só dixeron que o ían estudar...

O debate da taxa turística está aberto, nós queremos participar nel. Estou convendido, ademais, que vou a liderar o debate da taxa turística a partir da semana que vén.