Á espera dun servizo de buses que elimine as trabas de accesibilidade

O Concello anunciou recentemente a licitación do novo contrato, un procedemento que non se prevé que se poida aplicar antes do 1 de xaneiro de 2024, e que conta coa renovación e actualización da frota de autobuses

Varias persoas subindo a un autobús da liña C11 ao seu paso pola rúa compostelá de Xeneral Pardiñas / Jesús prieto

Varias persoas subindo a un autobús da liña C11 ao seu paso pola rúa compostelá de Xeneral Pardiñas / Jesús prieto / Ana Triñáns

A raíz da publicación en EL CORREO dunha información sobre as incidencias dun usuario de transporte urbano que ten que desprazarse en cadeira de rodas, a empresa pública Tussa, a través do seu xerente, José Ramón Mosquera, contactou con este diario para dar as explicacións que consideraba oportunas, un contacto que non se puidera producir antes desa data. En representación de Tussa, José Ramón Mosquera amosou o seu pesar porque se dera esa situación, xa que a colaboración dos condutores con persoas con diversidade funcional ou nais con carriños de bebés “é de sentido común”.

Mais o xerente de Tussa explica que a ordenanza municipal sobre transporte urbano “contempla que os condutores non poidan abandonar o seu asento e, por tanto, se unha persoa precisa axuda ten que ofrecerlla unha acompañante”, se ben recalca que se trata dunha ordenanza de 2005 (que foi modificada en 2014). Mosquera explica que “non se pode ter independencia se se ten que ir acompañado”, pero isto mudará coa nova ordenanza e co novo contrato de transporte urbano anunciado nos últimos días por Xosé Sánchez Bugallo.

Unha nova ordenanza que ao ser preguntado sobre os prazos nos que estará elaborada e se poderá aplicar, Mosquera remite ás palabras de Sánchez Bugallo e sinala que a finais de ano estará lista para poderse aplicar a partir do 1 de xaneiro de 2024. O novo documento, actualizarase para que o condutor “non teña problema para abandonar o seu asento” e tamén se ampliará o parque móbil instalando en todos os buses “doble rampa, manual e mecanizada”.

A nova normativa, indica José Ramón Mosquera, tamén establecerá que no caso de estropearse a rampa “deberá inmobilizarse o autobús, ao igual que agora acontece se se avaría un intermitente, o cal é unha cuestión perigosa, o bus deberá retirarse e terá que ir a reparación” no momento en que se detecte ese fallo.

Dende Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) redundan na idea apuntada por Mosquera de que “coa obriga de ir con acompañante estase a violar o dereito á autonomía da persoa con mobilidade reducida”, asegura María Jesús Pérez, responsable da área xurídica de Cogami.

María Jesús insiste en que os buses deben ter rampa mecanizada, ademais do sistema de inclinación do vehículo, porque se “é necesario accionala manualmente, unha persoa en cadeira de rodas non pode facelo, necesita un acompañante e é preciso que haxa unhas luvas á súa disposición, que non hai”.

Dende Cogami denúnciase que hai unha reiterada ausencia de accesibilidade no transporte urbano de Compostela “dende hai anos e a maior parte dos vehículos non cumpre a normativa estatal”.

Pérez denuncia que algúns condutores “elevan ao absurdo” a norma de non moverse do seu posto, inciden en malos comportamentos e un trato desagradable, e “mesmo chegan a impedir o acceso ao bus habendo pasaxeiros dispostos a axudar”. “Puxemos todo isto en coñecemento do Concello, de Tussa, do Valedor do Pobo..., pero só hai que ir á hemeroteca para ver a de casos que se produciron”, insiste a xurista.

Sobre a licitación do novo contrato en curso, ao que se referíu José Ramón Mosquera, María Jesús Pérez recalca que este novo contrato “xa ten máis de tres anos de retraso e vai resolver algunha problemática pero non se dá posto en marcha”, polo tanto, “nestas condicións non se está a garantir o dereito de uso autónomo do bus para persoas con mobilidade reducida por parte do Concello”. Nesta dirección, dende Cogami alentan ao Consistorio a que “habilite unha norma municipal de facilitación do acceso ao transporte público para todas as persoas”.

“O afectado que enviou a queixa aos medios fala de que só hai unha praza por bus, peor iso é porque a norma estatal establece tan só uns mínimos”, indica María Jesús Pérez. Por iso, dende Cogami advirten que é unha carencia importante, “non só para composteláns con mobilidade reducida, senón tamén para que nos visite e teña diversidade funcional”. Así mesmo, Pérez lembra “que a potenciación do uso do transporte público tamén é unha necesidade ambiental”. O escaso investimento do Concello no transporte público fala dun nivel moi negativo en canto a “sostibilidade e, en canto á accesibilidade, deixa fóra ás persoas con mobilidade reducida”, conclúe.

O incidente de Fran Pose

A pasada semana, o profesor da Escola Oficial de Idiomas (EOI), Fran Pose, contactaba cos medios para denunciar un incidente cun condutor de bus urbano que quería impedirlle o acceso ao transporte aducindo que ao ir en cadeira de rodas debía ir con acompañante. Aínda que finalmente o profesor puido viaxar no autobús, a súa denuncia provocou a reacción de Tussa, por medio do seu xerente, José Ramón Mosquera, que a través deste xornal procurou o contacto co profesor para coñecer de primeira man o incidente e actuar en consecuencia. Mosquera coincide con María Jesús Pérez e con Fran Pose na “imposibilidade de ter autonomía persoal se os suxeitos con mobilidade reducida se ven obrigados a desprazarse con acompañante”.