Camiño de Santiago

“As empresas hoteleiras arredor do Camiño son máis rentables, pero teñen menos supervivencia”

É a principal conclusión da investigación da USC dirixida polos profesores de Economía, Rubén Lado e María Milagros Videl

Explicarán as causas do impacto da localización

Dúas persoas posan xunto ao cartel que da a benvida á cidade aos peregrinos través do Camiño Francés / |  A. HERNÁNDEZ

Dúas persoas posan xunto ao cartel que da a benvida á cidade aos peregrinos través do Camiño Francés / | A. HERNÁNDEZ / lorena rey

Cuantificar o impacto da proximidade ao Camiño de Santiago sobre a rendibilidade e a supervivencia das empresas turísticas, considerando tanto variables a nivel de empresa como da súa localización xeográfica era o obxectivo do proxecto de investigación realizado por Rubén Lado Sestayo, profesor no departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, e María Milagros Vivel Búa, pertencente ao departamento de Economía Financeira e Contabilidade da institución compostelá, que se desenvolveu ao abeiro da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago no 2022, a través da cal obtiveron uns mil euros. Despois dun ano, aprecian que “as empresas ao redor do Camiño son cada vez máis rentables, pero máis vulnerables”.

Os promotores do proxecto levaban unha década realizando diversos estudos sobre o impacto da localización en variables financeiras chave como a rendibilidade, o risco de crédito ou a supervivencia nas empresas hoteleiras españolas.

“A pesar de tratarse dunha liña relevante da nosa investigación, non pensaramos no Camiño de Santiago como foco principal de estudo ata o ano pasado, xa que non tiñamos experiencia no mesmo se ben recoñeciamos o seu impacto socioeconómico”, comenta en conversa con este medio Rubén Lado Sestayo.

Ata o de agora o seu foco estaba en cuantificar que porcentaxe da rendibilidade ou da probabilidade de fracasar se debía a diversas variables da localización, como a ocupación, a estacionalidade, o número de visitantes, a proximidade a un aeroporto ou a unha estación de tren, a intensidade competitiva, etc.. Agora, o que pretenden é trasladar ese coñecemento ao estudo das empresas ao redor do Camiño de Santiago.

Rubén Lado puxo en valor que a información contable presenta “un certo decalaxe temporal na súa publicación e dispoñibilidade para os estudos empíricos que nós desenvolvemos, polo que non foi posible ata fai pouco estudar o impacto da crise motivada polo Covid a través de datos económicos e financeiros referidos a dito período temporal”.

Nun ano conseguiron establecer o marco teórico, construiron a base de datos, e fixeron unha primeira etapa de depurado de datos e análise empírica preliminar. “Non obstante, debemos seguir realizando de xeito iterativo estes procedementos para verificar a robustez dos primeiros resultados e posteriormente poderiamos pasar a unha análise más profusa e integral, que esperamos poder publicar ao longo do próximo ano”, afirma.

O proxecto dividiuse en varias fases. Nunha primeira etapa centráronse en definir o marco teórico, ao descoñecer o que se tiña estudado sobre o Camiño dende unha óptica da información empresarial. Así, comezaron por facer un estudo bibliométrico. “Esta análise consiste en avaliar un elevado número de traballos (no noso caso todas as publicación científicas en revistas indexadas na colección principal Web of Science) para identificar a evolución temporal, número de estudos, palabras chave, grandes áreas, temas, autores, etc. Deste xeito, obtivemos unha relativamente rápida visión xeral da temática na literatura previa, avaliando un elevado número de estudos”, destaca.

O máis relevante disto foi observar como, a pesar de dispoñer de investigacións relevantes a nivel mundial, a importancia socioeconómica do Camiño non tiña un reflexo directo na investigación. “O número de publicacións é moi reducido en relación á importancia do Camiño e realmente o número e calidade das mesmas non comeza a crecer ata a segunda década do siglo XXI”, aporta. Posteriormente, realizaron unha revisión manual sobre os determinantes da supervivencia e da rendibilidade empresarial nas empresas, como traballo de actualización ao vir traballando nesa liña nos últimos anos. En terceiro lugar, focalizáronse en seleccionar aqueles estudos que, entre os seus determinantes da rendiblidade e/ou supervivencia, consideraran variables propias da localización. “Non atopamos ningún estudo que avaliase o impacto da localización nas variables financeiras das empresas centrado no Camiño de Santiago ou en contornas semellantes”, manifesta.

Nunha segunda etapa do proxecto, deseñaron e avanzaron no estudo empírico, no que analizaron os tres modelos teóricos de localización que identificaron na literatura: posicionamiento, aglomeración e competencia. Nesta fase obtéñense os primeiros resultados preliminares, donde viron que “a proximidade ao Camiño outorga un extra de rendibilidade ás empresas de aloxamento e restauración pero tamén unha menor probabilidade de supervivencia ante contextos adversos”.

Por traballos previos os investigadores coñecen que o Camiño pode contribuir a atraer actividade económica a determinadas ubicacións, “evitando despoboamento e incluso actuando como elemento de atracción de emprendedores doutras partes do mundo”, pero polo momento non poden dar datos concretos da tividade económica xerada polo Camiño de Santiago nesta fase da investigación. “A fixación de poboación en terminadas ubicacións ao longo do Camiño e a atracción de novos negocios é na miña opinión o mellor reflexo do seu impacto económico, sen olvidar que ademais xera un importante impacto na difusión dun turismo sostible, afectando tamén positivamente no eido social e ambiental”, confirma Rubén.

A análise realizada é a nivel empresa, sin avaliar municipios, rexións ou outras agrupacións, o que se ven define como unha análise micro. A pesar de que dispoñen de datos preliminares que falan dun cese de actividade importante nos anos da Covid para as empresas de restauración, ata que teñan dispoñible a información do ano 2022 e 2023 e poidan comprobar a recuperación, prefiren non anticiparse porque “algúns negocios poideron simplemente mudar de mans, ou estar inoperativos temporalmente”.

Unha vez confirmado o impacto da localización e a súa robustez a seguinte etapa será explicar as causas do impacto da localización, xa citadas como o número de visitantes, estacionalidade ou nivel de compentencia. Finalmente, esperan obter unha estimación da porcentaxe explicada polas características da propia empresa e a porcentaxe explicada por variables propias da localización. Con todo, Rubén Lado confía en ter no vindeiro ano máis dun artigo publicado sobre este tema.