Novo incidente no Hospital Gil Casares: un teito despréndese sobre un usuario

CCOO-Sanidade insta a Xerencia a non compatibilizar as obras coa atención presencial, pois «expón as persoas de xeito innecesario» a posibles riscos

Estancia na que se desprendeu parte do teito

Estancia na que se desprendeu parte do teito / Cedida

Redacción

A sección sindical de CCOO da Área Sanitaria de Santiago- Barbanza denuncia novos desprendementos na Unidade de Psiquiatría do Hospital Gil Casares. Segundo informa o sindicato, parte do teito do comedor dos doentes caeu este xoves sobre un dos usuarios da unidade que, «por fortuna, non sufriu danos». Hai catro días comezaran as obras de rehabilitación da planta, mais seguiuse mantendo a asistencia coa devandita unidade parcialmente pechada.

CCOO-Sanidade lembra que xa houbera desprendementos do falso teito nunha habitación o pasado 9 de maio. Aquel suceso motivou que a Xerencia decidira a facer obras no servizo para substituír os falsos teitos, ademais da reparación dos aseos e cuartos.

Xa daquela, Comisións Obreiras pedíralle á Xerencia a recolocación dos doentes e do persoal nunha das plantas pechadas do hospital, «pois considerábamos que se estaba poñendo en risco as persoas usuarias e os profesionais». Para isto, habería que acondicionar a unidade, que xa acollera pacientes de Psiquiatría. Ademais, requiriuse informe da arquitecta avalando a seguridade da estrutura, informe de prevención de riscos e un cronograma das actuacións a realizar.

Tras este novo sinistro, CCOO insta a Xerencia a que non faga ao mesmo tempo a obra e a atención presencial, pois «expón as persoas de xeito innecesario». O sindicato defende a existencia de «alternativas viables» que non pasen pola derivación de pacientes a dispositivos externos. Ademais, «agora mesmo quedaban en Urxencias cinco doentes pendentes de ingreso en Psiquiatría polo que non se pode prescindir de 21 camas de que constaba esta unidade».

Desde CCOO coidan que a solución non está en trasladar a pacientes en fase aguda ao Hospital Hestia Robleda, cunha cabida que supera os 110 doentes, un único psiquiatra e un cadro de persoal deficitario. «O centro carece das medidas necesarias para atender persoas que precisan un ingreso hospitalario nunha unidade de agudos», conclúe o sindicato.